El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

8M | BNG

Pontón: "A resposta dos Gobernos foi e está sendo a da precariedade das mulleres"

07-03-2021 15:54:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz nacional, Ana Pontón, advirte da “involución” dos dereitos e condicións laborais das mulleres ante un 8M que “ten máis sentido ca nunca” nun momento no que a resposta económica á pandemia pretende asentarse “sobre a precariedade das mulleres”. Así o manifestou nun acto con mulleres que desenvolven a súa actividade en distintos ámbitos profesionais e co que o BNG rendeu homenaxe “a todas as mulleres que foron, e seguen sendo, imprescindibles” durante a crise orixinada pola COVID.

As caixeiras de supermercados, as médicas, as empregadas de residencias, as enfermeiras, as mestras e tantas e tantas outras mulleres “foron as que, desde os seus postos de traballo sostiveron ao conxunto da sociedade no peor da crise”, lembrou, para a continuación denunciar que, sen embargo, “un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais non só non melloraron, senón que en moitos casos empeoraron”.

Neste sentido criticou que fronte ao “imprescindible” labor desenvolvido, a resposta dos Gobernos foi e está sendo a da “precariedade das mulleres” e recordou que 8 de cada 10 empregos destruídos dende a chegada do virus estaban ocupados por mulleres. “A pandemia non pode ser unha coartada para conxelar ou retroceder nos dereitos conquistados”, recalcou, logo de reprobar “a campaña orquestrada dende a dereita e a extrema dereita” para cuestionar o “noso dereito a manifestarnos e defender nas rúas a igualdade real”.

Pontón recordou as innumerables manifestacións desenvolvidas anteriormente por distintos colectivos sociais e que non foron cuestionadas en ningún momento, polo que considerou indignante o relato que se pretende impoñer sobre o 8M “sabendo que non vai haber mobilizacións masivas, senón actos reivindicativos que cumpren todas as medidas de seguridade”.   

“Sairemos a manifestarnos con toda a responsabilidade e mantendo todas e cada unha das medidas de seguridade, pero non imos a deixar de reivindicar dereitos porque o machismo político pretenda calarnos e deixarnos na casa”, incidiu, logo de recriminar o intento de “criminalización” das mulleres e o feminismo, e lamentar que o escenario debuxado pola dereita lle estea marcando o paso a unha parte da esquerda. “Que non conten co BNG para isto”, acentuou.

A portavoz nacional asegurou que as mulleres e o feminismo galego “teñen a un aliado” no Bloque, en contraposición á inacción do Executivo de Feixóo en materia de igualdade que “en vez de poñerse do lado das mulleres, decidiu boicotear o 8M”. Logo de reprochar ao PP que non impulsara nin unha soa medida en favor das mulleres, recordou os retrocesos rexistrados en distintos ámbitos, con recortes nas axudas ás mulleres vítimas de xénero e nos servizos de información ás mulleres, a recuperación dos concertos que segregan por xénero e o incumprimento das leis de igualdade.

“Boicotean os dereitos das mulleres como veñen facendo coas folgas do 8M”, subliñou, para a continuación recordar que o PP chegou a considerar machista a primeira folga de mulleres e que a Administración Feixóo ten dúas sentenzas condenatorias por vulnerar o dereito á folga dunha xornalista da TVG e por impoñer uns servizos mínimos que segundo sentenza xudicial eran “maliciosos” e pretendían boicotear a folga. “Este é o balanzo do PP: boicot ás mulleres e á igualdade”, resumiu.      

Fronte ao modelo do boicot e o recorte, Pontón apuntou a proposta do BNG en materia de igualdade e que, segundo subliñou, defenderá non só o 8M senón todos e cada un dos días do ano. Neste sentido, avogou polo desenvolvemento dun plan de emprego feminino, que evite que as mulleres saian expulsadas do mercado laboral e que acabe coa precariedade, e polo impulso dunha Lei galega pola igualdade salarial para poñer fin a unha fenda pola que unha muller cobra de media un 21% menos de salario que un home por facer o mesmo traballo.

Co obxectivo de combater calquera tipo de discriminación, e tal e como acontece en Euskadi ou nos países nórdicos, propuxo a creación dunha Valedoría de Igualdade con capacidade sancionadora e, de igual xeito, defendeu a posta en marcha dun Plan de Dignificación dos Coidados cunha rede pública de servizos que facilite a conciliación. Por último, apostou por destinar o 1% dos orzamentos da Xunta á loita contra a violencia machista. “Sei que queda moito camiño por andar, pero tendes a miña palabra que dende o BNG imos defender a igualdade das mulleres e combater a discriminación nunha campaña que non empece e acabe no 8M senón que imos desenvolver todos e cada un dos días do ano”, concluíu.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias