MADRID | O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acaba de rexistrar unha iniciativa no
Congreso para que o Goberno español presente xa un calendario de actuación para
a recuperación industrial e económica das Pontes, en aplicación da resolución
aprobada na Comisión de Industria no pasado 16 de febreiro para a transición
xusta e tomando en conta as medidas nela recollidas. A iniciativa coincide
cunha nova xornada de mobilizacións dos traballadores e traballadoras afectadas
polo fechamento de ENDESA.
A formación nacionalista insiste en que o Goberno español
ten resortes suficientes para atallar as consecuencias da decisión de ENDESA de
cesar a actividade, polo que recrimina a inacción do Executivo de Pedro Sánchez
diante dunha situación que pode supor a perda de más de 800 empregos directos e
varios millares indirectos. O deputado Néstor Rego lembra que no pasado 16 de
febreiro foi aprobada unha resolución -que partiu dunha inicitiva do BNG- na
Comisión de Industria do Congreso instando o Goberno a actuar.
Rego salienta que na citada resolución “estaban incluídas
até nove medidas que teñen por obxectivo evitar que ENDESA feche sen
alternativas económicas e de emprego e tamén recuperar a actividade industrial
nas Pontes para garantir futuro e emprego na comarca”.
Segundo sinala Néstor Rego, entre outras cuestións, o
Congreso reclama “condicionar o proceso de fechamento da planta e a posíbel
participación de Endesa na poxa de evacuacións e novas autorizacións,
concesións e adxudicacións de MW á
consecución dun acordo coa representación das e os traballadores que garanta o
emprego na empresa principal e as auxiliares e proxectos concretos de futuro”.
Tamén que a asignación de novas instalacións de produción de enerxías
renovábeis nas Pontes e en toda a comarca conteña, necesariamente, un proxecto
de desenvolvemento económico e un plan industrial para a súa execución.
Para iso, pídese posibilitar que as concesións de acceso
aos nodos de rede afectados polo
fechamento das térmicas na Galiza sirvan para incentivar a implantación de
proxectos nos territorios que perden tecido empresarial e blindar o emprego
nestas zonas onde se poxa a capacidade de acceso á rede de transporte.
Reclama ademais a resolución garantir a implementación de
novos proxectos industriais na comarca que emanen dos convenios de transición
xusta e dos plans Futur-E de Endesa, así
como cumprir tanto os obxectivos como as diferentes medidas acordadas no Plan
de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas de carbón e centrais en fechamento de
maneira que se ofreza unha solución de continuidade industrial á central das
Pontes e se garanta o mantemento dos postos de
traballo non só da central senón tamén os da industria auxiliar e dos
transportistas.
Nesa liña, o Congreso instou o Goberno do Estado a
convocar de forma urxente a Mesa de Traballo para a Transición Enerxética Xusta para As Pontes,
así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do
persoal da industria auxiliar de ENDESA co obxecto de concretar o número de
traballadores/ as afectados/ as e a súa garantía de emprego.
Aliás, demándase a implicación e colaboración do Goberno
español e da Xunta de Galicia para apoiar conxuntamente os proxectos
industriais e de reindustrialización necesarios a implantar nas Pontes para
optar aos Fondos da UE Next Xeración e avanzar
no Convenio de Transición Xusta para As Pontes para poder completalo canto
antes cun cronograma definido de financiamento e accións a realizar.
“Pasado case un mes desta resolución parlamentar non
houbo ningún movemento por parte do Goberno, nunha actitude de psaividade que
resulta incomprensíbel dada a gravidade da situación xerada pola decisión de
ENDESA e pola renuncia a seguir operando con biocombustíbeis”, salienta Rego,
que reclama unha mudanza de actitude por parte dos Ministerios de Industria e
Transicción Ecolóxica e un calendario definido de actuación. Departamento de comunicación