MADRID | Na sesión de control ao Goberno, o deputado do BNG no Congreso, Néstor
Rego, reclamou ao Ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a
aplicación inmediata das rebaixas e descontos nas portaxes da AP-9. Rego
incidiu en que existen partidas necesarias nos Orzamentos de 2021 para
aplicalas e lembrou que no acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE se
recollen varias medidas para abaratar os custos da autoestrada do Atlántico que
aínda non foron aplicadas.
O deputado nacionalista
denunciou que a AP-9 é hoxe unha das autoestradas máis caras do Estado español
e unha das poucas con concesións de longa duración. Neste momento, só tres e
dúas delas na Galiza: a AP-9 e a AP-53 Santiago-Lalín, neste caso até o ano
2074. Néstor Rego, lembrou que no
Acordo de Investidura asinado entre o BNG e o PSOE foron recollidas varias
medidas tendentes a abaratar o custo das portaxes na Autoestrada do Atlántico,
“entre elas a bonificación do 100% da tarifa para usuarios recorrentes; a
gratuidade do tramo Vigo-Redondela e o compromiso de eliminar o incremento de
tarifas acumulativo durante 20 anos correspondente aos convenios de 2011 e
2013” enumerou Rego.
“Non se entende que o
Goberno, no canto de nos anunciar que o 1 de xaneiro se comezaban a aplicar as
bonificacións, nos anunciase un novo incremento de tarifas”, salientou Rego,
que tamén afirmou que “non existen razóns obxectivas para que o Goberno continúe demorando a aplicación destas
rebaixas e descontos, polo que cada día que pasa sen aplicar estas bonificacións afectan á credibilidade do PSOE e
a do Goberno e cada día serán máis os galegos e galegas que pensen que non son
vostedes de fiar, que non son un partido en que se poda confiar”.
Após a resposta do Ministro
en que reafirmaba o compromiso de cumprir o Acordo de investidura co BNG, o
deputado nacionalista manifestou que se alegraba desa declaración, mais reclamou
a Ábalos concreción nas datas en que comezarán a ser aplicados os descontos e
rebaixas nas portaxes. “Non nos volva co conto de
que as negociacións con AUDASA e a tramitación do decreto son moi complexas,
porque tiveron un ano enteiro para negociar e preparar a tramitación. Cumpran e
demostren que son capaces de facer honra aos seus compromisos” concluíu Rego. Departamento de comunicación