SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, confirmou hoxe que
acudirá con “espírito construtivo a prol de Galicia” á xuntanza
convocada polo presidente da Xunta cos líderes dos grupos parlamentarios
o vindeiro día 26 de marzo. “É o momento do diálogo pola reactivación e
defenderemos propostas para protexer aos galegos fronte á crise”,
destacou.
“O diálogo é necesario para enfrontar a maior
crise que viviu o país”, remarcou Gonzalo Caballero, quen xa pedira en
reiteradas ocasións esta xuntanza dende o pasado 8 de febreiro. De
feito, como xa dixera, o importante non é o formato da reunión, posto
que o que toca agora “non é pensar na foto nin en protagonismos
individuais”, senón de compartir ideas e propostas que nos reforcen para
saír desta crise. Hai que poñer as necesidades da cidadanía galega “no
primeiro plano” e darlle as mellores respostas.
Así, o
máximo responsable do PSdeG levará a este encontro un compromiso claro
para reforzar o sistema sanitario público logo de máis dunha década de
recortes, tamén coa vista posta na necesidade de axilizar o sistema de
vacinación a medida que vaian chegando as doses a Galicia. Do
mesmo xeito, Gonzalo Caballero incidirá na reactivación económica de
Galicia, e porá sobre a mesa liñas de acción para o emprego, a
modernización da economía e a loita contra a desigualdade. Sinala tamén a
necesidade de protexer aos sectores máis damnificados polas restricións
-como a hostalería, o comercio, a cultura e o deporte-, como vía para
que a economía galega resista e para loitar contra o desemprego.
Ademais,
dados os riscos de desigualdade como consecuencia da crise, o
secretario xeral socialista incidirá na necesidade de tomar medidas para
buscar que “ninguén quede atrás” no eido económico e social tralo paso
da covid.
Así mesmo, a situación das xeracións máis
novas, que “agora mesmo non albiscan futuro en Galicia”, será outro dos
aspectos que aborde Gonzalo Caballero, xunto coa problemática específica
das mulleres no que atinxe ao emprego e os coidados. “A sanidade, a economía e o benestar social son os principais eixos
de preocupación do PSdeG, e así llo trasladaremos ao presidente da
Xunta”, manifestou Gonzalo Caballero, quen saudou que Feijóo “se abra
por fin ao diálogo e a buscar sinerxías e acordos”. Departamento de comunicación