MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao
Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que abra as
investigacións necesarias para comprobar o estado das instalacións de ENCE,
pola ausencia de investimento en seguridade e mantemento, para saber se existe
perigo potencial inminente para as persoas ou o ambiente. Así mesmo, a
formación nacionalista volta a demandar a saía da fábrica na Ría de Pontevedra
pola irregularidade que supuxo a decisión de prórroga adoptada en 2016 polo
Goberno de Mariano Raxoi.
Tras se coñeceren publicamente as
declaracións realizadas polo CEO de ENCE, Ignacio de Colmenares, nun vídeo de carácter interno
dirixido ás e aos traballadores da factoría, suscitouse unha grande
preocupación social pola situación real en que se achan as instalacións e a
caldeira da fábrica. Na gravación, o CEO da compañía afirmaba que "en
Pontevedra podemos ter un susto ambiental maiúsculo, que pode afectar, ademais,
ás persoas" referíndose a que a caldeira de recuperación de ENCE non
cumpre cos mínimos exixíbeis de seguranza.
“A situación
actual é perigosa, pois a falta de actualizacións e investimentos necesarias
para o mantemento poden derivar nun episodio ambiental de gravidade, que
podería mesmo afectar as poboacións da súa contorna, así como os traballadores
e traballadoras” apunta o deputado do BNG no Congreso, que denuncia que a empresa está a deixar de
investir no mantemento e seguridade da planta “case como unha chantaxe e ameaza
ao conxunto dos axentes sociais e entidades administrativas que reclaman a súa
saída da Ría de Pontevedra”.
Para Rego, “existen sobrados argumentos
xurídicos, ambientais e sociais para que o Goberno actual tome a iniciativa e
revogue a prórroga da concesión, facilitando así a recuperación ambiental da
ría e a mellora da saúde e a calidade de vida de todas as persoas que
diariamente soportan as emisións da factoría”. No entanto, salienta que
“mentres o traslado non se produza, o Ministerio ten que cumprir coas súas
obrigas de vixilancia e control, debendo actuar para comprobar a seguridade das
instalacións”.
O deputado nacionalista advirte que se a
falta de renovación, mantemento ou investimento supoñen un risco ambiental,
para as persoas traballadoras ou a poboación en xeral, “o Goberno ten que
adoptar as medidas oportunas, mesmo suspendendo preventivamente a súa
actividade se for necesario”.
A formación
nacionalista lembra que o Concello de Pontevedra xa incoou un expediente
de información e actuacións previas para pesquisar as circunstancias do caso
concreto, a veracidade do afirmado e a conveniencia ou non do inicio do
correspondente procedemento e das actuacións oportunas. Para iso, o goberno
municipal requiriu ao CEO que aclare as manifestacións feitas públicas e
explique o alcance do risco a que alude e que acredite as condicións de
seguranza das instalacións e da caldeira de recuperación.
ENCE,
pendente de tres recursos
Debe lembrarse que a concesión de ENCE para a
ocupación do dominio público marítimo terrestre foi declarada parcialmente
caducada polo Ministerio de Medio Ambiente en 2015, mais prorrogada de maneira
irregular por Mariano Raxoi a comezos de 2016. Para a organización nacionalista
o que procedería facer naquel momento era “declarar a caducidade total da
concesión sen posibilidade de ningunha prórroga, atendendo aos graves
incumprimentos das condicións impostas no título da concesión en relación coa
contaminación producida pola pasteira”.
No momento actual, aínda están pendentes de
resolución tres recursos presentados por distintas organizacións sociais e
ecoloxistas, como a Asociación para a Defensa da Ría ou o Concello de
Pontevedra, pola que se recorre precisamente esa prórroga concedida durante 60
anos máis a ENCE nos terreos de Lourizán. “A propia Avogacía do Estado
desistise de participar nestes procedementos xudiciais aínda abertos por
entender que a prolongación da concesión do Goberno en funcións en xaneiro de
2016 non foi conforme a dereito, recoñecendo así a irregularidade da decisión”
insiste Rego. “O máis seguro é que a xustiza dará a razón á parte demandante e
considerará nula e irregular a prórroga” conclúe o deputado do BNG.
Mantemento do emprego
En declaracións recentes, Néstor Rego
rexeitaba con contundencia a actitude mafiosa do Partido Popular e da empresa
que, por medio da chantaxe e da violencia pretende amedrentar o BNG para que
mude de posición, con episodios como o vivido esta semana de asedio ao alcalde
e ao goberno de Pontevedra. “Non o van conseguir. Ao BNG ninguén o vai dobregar
con ameazas. Defendemos e continuaremos a defender o que é xusto: a saída de
ENCE de Lourizán e a recuperación ambiental e produtiva da Ría”.
Néstor Rego afirma entender e partillar a
preocupación dos traballadores e traballadoras polo mantemento dos seus
empregos, mais considera que a mellor saída para garantir os postos de traballo
é precisamente a vía de diálogo, como
está a defender a maioría do Comité de Empresa, e a presión á dirección de ENCE
para que acepte o traslado fóra da ría.
O deputado nacionalista lamenta que unha parte dos traballadores -no concreto CCOO- actúe “ao
ditado dos intereses do Partido Popular e do capital da pasteira nesa
estratexia de chantaxe”, mais sinala que se trata dunha minoría. “Por fortuna, comportamentos
mafiosos como o producido esta semana contra o BNG e o Concello de Pontevedra
non contan co apoio maioritario dos traballadores e traballadoras nin tampouco
do Comité de Empresa”, concluíu. Departamento de comunicación