MADRID | O
deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acaba de rexistrar iniciativas na
cámara co obxectivo de descartar a implantación dos tres macroproxectos de Statkraft
en Rebordechao, Prada e Barxas. Alén de mostrar o seu rexeitamento a estes
plans, a formación nacionalista reclama introducir mecanismos correctores que
atendan á xustiza social nos procedementos de adxudicación e novas pautas para
que a produción enerxética reverta no abaratamento da factura para os
territorios produtores.
A
solicitude de autorización da compañía nórdica Statkraft para comezar a desenvolver os tres proxectos
afectarán o interior da Galiza, particularmente Ourense, Lugo e o Bierzo. “Tanto
a localización, a dimensión, como a proximidade e mesmo o feito de que deberán
compartir evacuación e que o desenvolvemento duns está vinculado aos outros fan
que se deba considerar como un único proxecto” indica o deputado do BNG no
Congreso.
Neste sentido, é
necesario lembrar que a fragmentación dun Parque Eólico “é unha práctica
fraudulenta” e que existe xa xurisprudencia a respecto diso. “Na Galiza pódense
citar distintos casos en que se presentan Estudos de Impacto Ambiental
individual de cada un dos proxectos fragmentados, evitando unha avaliación
global de todo o proxecto para eludir as garantías exixíbeis” incide Rego.
A
formación nacionalista reclama descartar a implantación dos tres macroproxectos
pola “grave e irreversíbel afectación sobre a calidade paisaxística, a
fraxilidade e a vulnerabilidade ambiental nas fases de construción, explotación
e desmantelamento” xa que se estarían vulnerando “as directivas europeas e as
normas estatais e galegas en materia ambiental e ocasionando un grave prexuízo
aos intereses ambientais, económicos e sociais do territorio e das súas
comunidades”.
A actual regulación non permite unha
planificación enerxética racional e consensuada no marco da transición
enerxética, e tampouco permite regular a adecuación da localización e tamaño ás
características do territorio. “É preciso introducir aspectos correctores de
xustiza social nos procedementos para a adxudicación de potencia eólica
mediante concurso, con criterios de retorno social, económico, innovador ou similar,
de forma que se asegure que estes proxectos supoñan progreso social para o
conxunto da poboación, favorecendo a consideración da enerxía como un ben
público no lugar dun ben especulativo” incide Rego.
Neste sentido, o BNG
reclama crear mecanismos correctores para que a produción enerxética reverta
nun abaratamento da factura para os territorios produtores de enerxía e, como
no caso galego, excedentarios.
O deputado nacionalista
tamén critica o contexto en que se están avaliando os tres macroproxectos xa
que “a tramitación iníciase en plena situación de alarma socio-sanitaria e
restricións xeradas pola pandemia da COVID-19, o que dificulta e impide
directamente a adecuada difusión social e o contraste directo con todas as
entidades e persoas afectadas”. Alén do mais, Rego alerta da grave afectación
“ao medio natural e á biodiversidade”, a vulneración de diversas figuras de
protección europeas, estatais e galegas do medio natural e a ruptura do
principio de prevención. Departamento de comunicación