LUGO | A portavoz
nacional, Ana Pontón, visitou o Campus de Lugo, con especial atención ao
proxecto Campus Terra, da man da
vicerreitora Montse Valcarcel, e aproveitou para destacar a importancia da
ciencia e da investigación aplicada tamén ao sector primario, estratéxico para
a economía na provincia de Lugo e para o conxunto da Galicia interior.
A líder do BNG
fixo fincapé na importancia de aplicar a
ciencia e a innovación ao tecido produtivo real, “para que os sectores
tradicionais ganen músculo da man da I+D+i, para ser competitivos e xerar valor
engadido a través do peche dos ciclos produtivos, abrindo a porta a emprego de
máis calidade, a un aumento de rendas para os produtores e produtoras e propiciar
unha actividade industrial de transformación dos produtos vinculados ao sector
agrogandeiro, sector esencial na economía de Galicia, creando unha rede de
empresas que leven a cabo esa transformación”.
Neste sentido, fixo referencia aos
“circuítos curtos de comercialización ou quilómetro cero”, é dicir, da
granxa/horta á mesa, aproveitando a estratexia europea do Pacto Verde, encamiñada a proporcionar alimentos saudables, cun menor
impacto ambiental ao tempo que se garanten mellores condicións de traballo e
rendas aos agricultores/as e gandeiros galegos.
Igualmente, impulsar unha plataforma de
distribución público-privada que canalice os produtos galegos tanto cara as
cadeas alimentarias como para colectivos de consumidores, “que permitiría dar
saída a moitas das pequenas e medianas producións agroganderias”, explicou.
A líder do Bloque tamén puxo sobre a
mesa a necesidade de que o rural conte con todos os servizos tecnolóxicos, e
para iso é urxente que se incorpore de cheo ao proceso de dixitalización, tendo
en conta que o teletraballo chegou para quedarse, “é unha gran oportunidade
para o rural pero para iso precísanse boas conexións, un rural que tamén sexa
dixital”, subliñou.
Pontón explicou en Lugo as propostas que
formula a formación nacionalista, na súa aposta por un rural vivo, con servizos, con calidade de
vida, un rural do século XXI,
aproveitando a visita ao Campus de Lugo xunto coa deputada Olalla Rodil
e o portavoz municipal, Rubén Arroxo.
Unha visita na que coñeceu de primeira
man o proxecto de hortas sustentables que desenvolve o Campus de Lugo, aposta
pola transferencia de coñecemento desde a universidade de Lugo ao sector
agrogandeiro, que considera “estratéxico” desde o punto de vista económico e
tamén para desenvolver un aproveitamento máis sustentábel dos propios recursos.
Neste sentido, indicou que Lugo non pode
“perder o tren” da oportunidade que supoñen os fondos europeos de recuperación
económica, os únicos extraordinarios cos que se conta para saír da crise e que
aportarán ao conxunto do Estado 75.000 millóns de euros en axudas directas, dos
que o BNG está empeñado en que Galiza reciba até o último euro que lle
corresponde e que cifra nun mínimo de 12.600 millóns de euros.
“Pensamos que son unha oportunidade para
avanzar na estratexia da innovación aplicada
ao sector primario e ao peche de ciclos produtivos no sector agrogandeiro”,
recalcou, destacando tamén a importancia da comercialización a través de
iniciativas que favorezan a distribución da produción e un reparto das rendas
que beneficie aos produtores e produtoras. Departamento de comunicación