LALÍN | O BNG elixiu
Lalín para presentar os seus proxectos para o medio rural financiables con
cargo aos fondos europeos de recuperación, Next
Generation, recollido no Plan para un
rural vivo e con futuro co que propón mobilizar un investimento de 1.250 M€
para a revitalización do medio rural, actuando en catro ámbitos: produción
agroalimentaria, distribución e comercialización dos produtos do sector
primario, diversificación económica e servizos públicos de calidade.
O obxectivo
deste plan, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, é “garantir un rural vivo no económico e no
social, sustentable no ambiental e con servizos públicos de calidade á altura
do século XXI e sen discriminar aos galegos as galegos polo lugar de
residencia”. Indicou que para saír da crise “é imprescindible incorporar ao
rural como parte estratéxica da Galiza do futuro, que debe avanzar á mesma
velocidade que o conxunto do País, porque a cohesión territorial é clave”.
O Plan para un rural vivo e con futuro
aposta por un medio rural como espazo para vivir e traballar
en igualdade de condicións que en calquera cidade e recoller actuacións no ámbito
da produción, comercialización e dos servizos públicos.
Unha das leccións
da pandemia, explicou Pontón, “foi a importancia do rural como gran despensa
capaz de abastecer de produtos frescos e elaborados de excelente calidade, polo
que o proxecto do BNG, recolle medidas para potenciar a produción de calidade e
sustentable”. Entre elas, unha empresa
láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e
cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido.
“Somos unha
potencia en produción de leite, temos que ser tamén unha potencia na transformación
do leite en produtos con valor engadido”, argumentou. Neste ámbito, tamén
medidas como un impulsar a agroecoloxía
e a produción hortifrutícola, para fomentar a gandeira extensiva de produción
de carne e para recuperar terras
agrarias, tanto forestadas como abandonadas: 100.000 hectáreas na próxima
década.
No ámbito da distribución
e comercialización de produtos agrarios, as medidas con cargo aos fondos
europeos apostan pola posta en marcha de
centros comarcais de envasado e etiquetaxe pensados parar facilitar aos
pequenos e medianos produtores a venda da súa produción, así como polo produto
quilómetro cero.
“Promover o consumo de produtos de quilómetro cero
desde as Administracións Públicas, co obxectivo de que sexan produtos de proximidade
os que se compren e consuman en entidades públicas, residencias, hospitais,
universidades, centros educativos, escolas infantís, edificios administrativos.
Con isto, ademais de apoiar ao produtor local, redúcese o impacto ambiental”,
explicou Pontón.
Venta online de produtos agrogandeiros
E tamén no ámbito
da comercialización, o Bloque propón unha plataforma público-privada de comercialización online, a
modo de amazon galego, para a comercialización de produtos frescos e
elaborados de orixe agrogandeira, unha canle para competir online coas grandes
plataformas e que tamén daría servizo a outros sectores como o do pequeno
comercio.
Para o BNG os
fondos europeos son tamén unha oportunidade para diversificar actividades económicas no rural, “porque
non queremos quedarnos na visión reducionista de identificar a Galiza rural
unicamente coa produción vinculada ao sector primario”, argumentou. Aposta por actividades económicas
noutros ámbitos, como o industrial, -ligado á transformación da materia prima-,
a construción e rehabilitación, a economía derivada do sector forestal, ou
actividade económica vinculada ao sector cultural, patrimonio, turístico de
enorme potencial.
Renda de acompañamento
Finalmente, os
servizos públicos de calidade como elemento clave para fixar poboación e
revitalizar o rural, tanto na sanidade, na educación, nos servizo sociais e
tecnolóxicos, pasando pola dixitalización e as comunicacións.
“Son imprescindibles se queremos que a Galiza
rural e do interior sexa un lugar atractivo para vivir e traballar”, recalcou.
E precisamente en aras desa revitalización, propón unha
renda de acompañamento dirixida a
xente moza, - para fomentar o relevo xeracional-, e ás mulleres emprendedoras.
Unha axuda para garantir a viabilidade dos proxectos durante a fase inicial e
durante un período máximo de tres anos. Na presentación en
pleno corazón da comarca do Deza tamén participou a deputada Montse Prado e o
portavoz municipal en Lalín, Francisco Villarino. Departamento de comunicación