BRUXELAS | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, critica que a Xunta de Galiza incumpre de forma premeditada as directrices europeas referidas á ampliación da Rede Natura 2000 ao non enviar ao Estado as propostas dos espazos a ter en conta para ser incluídas. “Son xa máis de dez anos dun retraso que pode ter unha clara e inadmisible intencionalidade para favorecer determinados intereses”, apunta.
En resposta a unha pregunta presentada polo BNG a través do grupo Verdes-ALE, a Comisión Europea confirma que xa iniciou o ano pasado unha investigación polo posible incumprimento da obriga de conservar hábitats e especies de interese comunitario, así como da ampliación da Rede Natura. Ao respecto, a Comisión Europea chama a atención sobre a insuficiente ampliación de espazos protexidos, de forma que a Rede Natura en Galiza, cun 11,97% de superficie protexida, é a máis baixa do Estado español (só por diante de Melilla) e un 45% inferior a seguinte na lista (Euskadi), ademais de estar a cola da UE.
“Desde o BNG vimos denunciando o incumprimento sistemático das directrices europeas na protección do medio ambiente e as ameazas que supoñen os proxectos eólicos, mineiros e de infraestruturas ante o desleixo dos gobernos galegos e estatal”, explica a portavoz do Bloque en Europa, quen lembra que xa en xullo de 2000 a Comisión Europea reclamou ao Estado español que tomara medidas para protexer e xestionar a súa Rede Natura 2000, e abriu un procedemento de infracción contra o Estado respecto a unha mala aplicación sistémica da Directiva Hábitats.
Segundo defende Ana Miranda, “é evidente que as cousas non se están facendo ben e que as nosas denuncias están perfectamente fundamentadas xa que a Directiva Hábitats estabelece que, cando a lista de LICs da Rede Natura sexa incompleta, os Estados membros tamén deberán salvagardar o interese ecolóxico dos lugares que, segundo os datos científicos, deberían figurar no listado completo”. Neste sentido, o Bloque reclama a suspensión cautelar da instalación de todos os proxectos de parques eólicos, xa que os proxectos existentes contemplan a súa ubicación en espazos da Rede Natura ou en lugares próximos a ela que debían estar na incluídos na súa ampliación.
Iniciativas presentadas
Ana Miranda salienta que o Bloque está presentando iniciativas parlamentares en todos os Parlamentos, relacionadas con todos os proxectos que supoñen un ataque tanto ao medio natural como patrimonial. Así, lembra que xa trasladou diversas iniciativas á Comisión Europea relacionadas coa instalación de varios parques eólicos, un deles no monte das Salgueiras, -que afecta aos concellos coruñeses de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica-, 16 proxectos que se están a tramitar ao longo da Serra do Suído, Faro de Avión e Alto Tea, entre as provincias de Ourense e Pontevedra; así como os tres proxectos previstos na provincia de Ourense -Rebordechao, Prada e Barjas-.
“En todos estes casos ponse en risco espazos protexidos, que segundo a Directiva sobre Hábitats esixe unha avaliación axeitada das repercusións”, sinala Miranda, quen indica que esta directiva advirte que o “plan ou proxecto só deberá autorizarse se a avaliación conclúe que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión, e mesmo que non estean incluídos na Rede Natura, os Gobernos deben protexelos”. Departamento de comunicación