MADRID | O deputado
do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar na cámara estatal unha
Proposición Non de Lei para a creación dun Plan Industrial para a comarca de
Ferrol. A través da creación dunha Mesa que promocione e diversifique a
actividade dos estaleiros da ría de Ferrol, a formación nacionalista reclama
eliminar todas as trabas e restricións actuais que impiden a construción naval
civil en Ferrol, co obxectivo de que se permita traballar a Navantia e haxa
unha implicación maior por parte das administracións.
O Plan
Industrial que precisa a comarca de Ferrol é “unha promesa incumprida dos
distintos gobernos do Estado español” segundo sinala o deputado nacionalista.
“Mais é simple: débese permitir que Navantia poida traballar eliminando as
restricións actuais e aproveitando todos os segmentos da actividade que
potencialmente poida concorrer nas instalacións da ría de Ferrol” afirma Rego.
Por
este motivo, o BNG presentou no Congreso unha iniciativa para asegurar o futuro
da comarca de Ferrolterra. “Hai que facilitar a participación da Xunta de
Galiza no Consello de Administración de Navantia e constituír unha mesa de
ámbito galego para a promoción e diversificación de actividades nos estaleiros
da ría” expón o deputado do BNG. Posibilidade prevista tanto no artigo 55 do
Estatuto de Autonomía da Galiza coma no artigo 4 da Lei de Fomento do Sector Naval.
A
organización nacionalista reivindica potenciar a participación de Navantia ría
de Ferrol no sector da eólica mariña flotante “con recursos propios ou
manténdose, cando for posíbel, como socia maioritaria nas UTE con Windar ou con
calquera outra empresa ou sociedade. Así mesmo,
Néstor Rego incide na necesidade de dotar a fabrica de turbinas de dirección e
recursos propios para a definición de novos produtos “destinados ao sector das
enerxías renovábeis, en xeral, e para fomentar a súa introdución e
participación nos contratos da eólica mariña, en particular”.
Alén do mais, exixen introducir na fábrica de turbinas naqueles segmentos
de actividade “relacionados con novos modelos sustentábeis de mobilidade
marítima” así como promover e procurar “colaboracións con centros de
investigación ou empresas que fosen precisas”.
Por outra banda, Rego explica que na proposta tamén se recolle a necesidade
de “concretar un plan de investimentos destinado a modernización das
infraestruturas, talleres de prefabricado, diques de nova construción ou para a
súa posíbel reparación”. Coa mellora das instalacións poderase atender tarefas
de reparacións mentres se ten en marcha unha encarga dun novo buque, o que é
imposíbel co dique actual.
Na actualidade Navantia só conta cun dique que poida
acoller buques de grandes dimensións, polo que o estaleiro vese obrigado a
renunciar a contratos por falta de dispoñibilidade, unha media de 5 buques por
ano durante os últimos 10 anos. Neste sentido, “acometer as obras para un novo
dique seco específico para reparacións sería importante non só para atender a
demanda xa existente, senón para poder aspirar a novos mercados por tipoloxía
de buques, así como para compatibilizar eses traballos cos das grandes
transformacións, e non desatender outros potenciais clientes durante todo o
tempo en que se manteña a ocupación do dique”. Departamento de comunicación