SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral das e dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero,
convocou hoxe unha xornada de traballo da Comisión Interparlamentaria do
PSdeG na que reuniu aos responsables públicos do partido nos diferentes
parlamentos. O líder dos socialistas galegos instou ao
“diálogo na procura da mellor cogobernanza” para a reconstrución de
Galicia. “Traballaremos co goberno de España e co goberno da Xunta de
Galicia para a reactivación que os galegos e galegas necesitan”,
sentenciou.
Caballero asegurou que acudirá á xuntanza con
Feijóo con “vontade construtiva” e “sen demagoxia nin populismo” para
compartir “ideas e propostas” que permitan saír desta crise “pensando
nas persoas que se atopan nunha situación máis vulnerable”.
Así,
levará ao presidente da Xunta “a voz das mulleres, da mocidade, dos
desempregados e dos traballadores autónomos e pemes”, xa que “a Xunta
non pode vivir á marxe dos galegos e galegas”.
Neste senso, subliñou a falla de emprego como “o maior problema da
xente nova”. “Se Feijóo quere agardar a que se abran as fronteiras para
que a xente nova poida emigrar, que o diga; nós queremos darlles
traballo e futuro en Galicia”, aseverou.
Centrados na defensa dos galegos ante a crise
O
líder dos socialistas galegos instou á Comisión Interparlamentaria do
PSdeG a “traballar na dirección de dar respostas que solucionen a vida
aos galegos” e “axudar dende a política a sobrevivir nesta crise”, xa
que o PSdeG “é o eslabón de conexión do goberno de España con Galicia”.
Así,
“mentres outros na vida política pensan no seu futuro, temos que ter
claro que a nosa única preocupación é o futuro dos galegos”, polo que
traballamos “con firmeza para dar resposta aos seus problemas”,
sentenciou. Deste xeito, sinalou que “Galicia ten moitos
problemas”, polo que “non podemos perder un minuto sen traballar polo
futuro dos galegos”. O secretario xeral do PSdeG comprometeuse a que “toda a miña capacidade, todo o meu traballo vai
estar volcado en sacar a Galicia adiante da maior crise, pensando nas
persoas”.
Feijóo e "a falla de diálogo"
O
máximo dirixente das e dos socialistas galegos criticou a “falla de
diálogo” do presidente da Xunta ao longo dos primeiros meses desta
lexislatura, xa que “nunha época de excepcionalidade marcada por unha
crise sanitaria e económica”, o diálogo coa oposición, sectores
produtivos, sindicatos, axentes sociais e administracións locais
“resulta máis necesario ca nunca”. “As maiorías absolutas
son lexítimas, pero tamén completamente insuficientes para das resposta
ás necesidades actuais”, sinalou Caballero, quen incidiu en que Galicia
“é hoxe máis diversa ca nunca” e “está nun momento clave para definir o
seu futuro”.
Prioridades para a reactivación
Caballero
instou ao goberno da Xunta a acordar as prioridades para os fondos
europeos e “definir a senda da reactivación” a través de catro eixos:
modernización e emprego, loita contra a desigualdade, defensa dos
servizos públicos e vertebración territorial.
“A
recuperación de Galicia comeza por recuperar o emprego dos galegos”,
sinalou o máximo dirixente das e dos socialistas galegos, quen incidiu
en que “xa non basta con abordar o atraso de Galicia, temos que
anticipar o futuro”. “Quero falar con Feijóo de recuperación, de innovación, de emprego; o mesmo do que vou falar co goberno de España”, sentenciou.
Por
último, criticou o “xogo de cifras” da Xunta cos proxectos europeos,
pasando de 7 a 108 ou agora a 44. Por iso, instou a traballar “dende a
colaboración e a concreción dos proxectos, deixando de lado o empeño
absurdo de ocupar o foco”, xa que “o foco ten que poñerse nas
necesidades dos galegos e galegas”. Departamento de comunicación