BRUXELAS | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, trasladoulle hoxe ao HDP a solidariedade da Executiva do BNG e o rexeitamento da pretensión de Turquía de suprimir ao Partido Democrático do Pobo - HDP do sistema de partidos turco. “Son inaceptables as constantes vulneracións dos dereitos humanos por parte do goberno turco e as súas decisións totalmente antidemocráticas”, manifesta.
“Sumámonos ás accións internacionais de repulsa a estes intentos do goberno turco”, salienta a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, quen denuncia a proposta de ilegalización do HDP realizada polo Tribunal Constitucional de Turquía que se suma á escalada de represión e persecución de cargos electos do HDP.
"Facemos un chamamento ás autoridades turcas a que rematen coa tentativa de prohibición do HDP e o ataque á democracia e aos dereitos civís”, manifesta Ana Miranda, ao tempo que fai un chamamento a que se protexan os dereitos humanos e o respecto do pluralismo político en Turquía. “Non pode ser que a Unión Europea siga dando carta branca a un réxime que reprime ao pobo Curdo como o de Erdogan", engade.
Longa traxectoria de relacións
A portavoz do BNG en Europa lembra que hai un ano participou en Ankara no congreso anual do Partido Democrático do Pobo – HDP. Nos diferentes encontros mantidos con esta organización política, -que conta co 13% dos votos, de xeito que é a terceira forza política- Miranda puido constatar que o curdo é un pobo que defende uns valores democráticos, que busca vivir en paz e que conta cun notable respaldo cidadá.
No marco da relación do BNG e o HDP, Ana Miranda tamén participou como observadora na Delegación do Parlamento Europeo no xuízo sobre o encarceramento do líder Curdo do HDP turco, Selahattin Demirtasque que o propio Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo pediu que Turquía puxera en liberdade. Ademais en decembro de 2018 participou na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea – Turquía, así como na delegación de observadores internacionais no referéndum que tivo lugar en Turquia no ano 2016. Deparamento de comunicación