SANTIAGO DE COMPOSTELA | As eurodeputadas de Izquierda
Unida Sira Rego e Manu Pineda, veñen de dirixirse co apoio do resto de
compañeiras do grupo parlamentario de La Izquierda e dos Verdes no Parlamento
Europeo (The Left) ao Comisario Europeo de Emprego Nicolas Schmit,
denunciando a grave persecución á que se está a someter á representación
sindical e legal dos traballadores de Alu Ibérica na Coruña.
O despido de catro sindicalistas, entre os que se atopa o Presidente do
Comité de Empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos López Corbacho, logo dunha década
de mobilizacións e loita en defensa dos postos de traballo e da necesidade de
prezos competitivos da enerxía eléctrica, constitúen un atentado contra a
liberdade sindical.
Izquierda Unida lembra á Comisión Europea que esta persecución sindical
prodúcese nun contexto de desindustrialización e de mobilizacións na defensa de
industrias estratéxicas en rexións (A Coruña e Asturias) de Transición Xusta,
zonas moi golpeadas polos procesos de reconversión industrial e o proceso de
descarbonización da economía.
Neste momento, atopámonos ante un desmantelamento planificado das
industrias, un empeoramento nas condicións laborais dos traballadores, o
incumprimento de acordos e a persecución sindical dos representantes sindicais.
No caso de Alu Ibérica, a pesares que a loita dos traballadores conseguiu
manter aberta a factoría de aluminio e o mantemento dos postos de traballo, as
sucesivas vendas da empresa, agora en mans do
Grupo Industrial Riesgo conlevaron unha progresiva descapitalización da
mesma e unha preocupante ausencia de investimento que contravén a totalidade
dos acordos de venda. De feito, a propia e última operación polo que Parter
Capital trasladou ao Grupo Riesgo incumpre todos os compromisos adquiridos
tanto cos traballadores, como coas administracións públicas.
Izquierda Unida solicita ao Comisario que actúe mediante o recoñecemento
desta persecución sindical e manifeste a súa solidariedade cos traballadores
afectados pronunciándose sobre esta cuestión. Departamento de comunicación