MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera intolerábel a
descoordinación entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galiza, que
non está a incluír no plan de vacinación ao conxunto dos colectivos declarados
xa prioritarios polo Consello Interterritorial del SNS. Así, algúns colectivos,
funcionarios e empregados públicos dependentes de Ministerios estatais non
están sendo vacinados na Galiza, como é o caso do persoal do ISEM ou do SVA.
Na Estratexia de Vacinación
fronte a COVID-19 aprobada polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional
de Saúde contémplase como grupo prioritario o denominado Grupo 6 de colectivos
en activo cunha función esencial para a sociedade e na que se integran as
Forzas e Corpos de Seguridade, Emerxencias e Forzas Armadas. Inclúense, polo
tanto, Garda Civil, Policía Nacional, Bombeiros, Técnicos das Forzas e Corpos
de Seguridade, e todos os que grupos homólogos a estes, mais non se inclúen de
forma expresa outros corpos como o Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) que
deben considerarse equiparados aos anteriores ao ostentar a condición de
Policía Xudicial e Fiscal.
Ademais da súa equiparación
técnica coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, debe terse en
consideración que o SVA no seu traballo diario entra en contacto físico
estreito, ao ter que inspeccionar espazos reducidos con persoas chegadas de
todo o mundo, algunhas procedentes de territorios con escasas ou nulas medidas
preventivas no que respecta ao coronavirus, polo que a súa actividade debe ser
considerada de alto risco para o contaxio da COVID-19.
Outro exemplo flagrante desa
falta de previsión é o que está a acontecer co persoal do Instituto Social da
Marina en Galiza, que mentres no resto do Estado está sendo vacinado, no
territorio galego fica esquecido. “O conxunto do persoal que desenvolve tarefas
de carácter sanitario quedou situado na posición 3B dentro da Estratexia de
Vacinación, polo que deberá ter recibido xa a súa dose, porén, están sendo
chamados os grupos 5 e 6, pero as e os membros do ISM na Galiza aínda non foron
incorporados ao listado” salienta o deputado Néstor Rego.
Correspóndelle aos
Ministerios dos que dependen, ben o Ministerio de Facenda ben o Ministerio de
Sanidade, dirixirse ás Comunidades Autónomas e nomeadamente á Xunta de Galiza,
para asegurarse de que se incorpore ao persoal prioritario nos protocolos aínda
que se encontre adscrito á Administración do Estado e non á galega.
Para a formación nacionalista, estes son exemplos
da escasa planificación do Goberno de Estado, mais tamén da falta de previsión
da Xunta de Galiza, que parece non coñecer a realidade do País nin os
colectivos declarados prioritarios que deben ser chamados a vacinarse. Por este
motivo, o BNG exixe a rectificación e que se interprete adecuadamente o
protocolo para vacinar a todos os grupos que deban ser considerados incluídos
na Estratexia de vacinación aprobada, como é o caso do persoal sanitario do ISM
ou do SVA. Departamento de comunicación