MADRID | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha
xuntanza en Madrid coa vicepresidenta e ministra da Transición Ecolóxica
e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, na que trasladou “prioridades e
propostas para o futuro de Galicia”. Caballero sinalou
que “cómpre mobilizar 1.000 millóns de euros públicos para o reto
demográfico en Galicia nos próximos tres anos”, para o que hai que optar
pola cogobernanza entre goberno de España e Xunta e incorporar
proxectos potentes ao plan do ministerio, que vai destinar máis de
10.000 millóns para loitar contra o baleirado do territorio.
O
responsable socialista trasladoulle á vicepresidenta a importancia do
reto demográfico en Galicia e de que os fondos “cheguen de forma
efectiva” a esta comunidade. Ademais, puxo en valor que, como el mesmo
pediu en pasadas datas, “conseguimos que haxa varias liñas de axudas de
fondos europeos para os concellos de menos de 5.000 habitantes”, que
permitirán abordar cuestións como a mellora dos sistemas de saneamento
ou a rehabilitación de vivenda. “Son inversións fundamentais para a
Galicia rural”, recalcou Gonzalo Caballero.
“O goberno de
España está traballando na liña que pedimos os socialistas galegos”
para permitir que os fondos comunitarios “cheguen á Galicia rural” para
“apoiar a modernización e a posibilidade de xerar emprego”, destacou. Ao
fío disto, Gonzalo Caballero reclamoulle ao goberno galego que responda
da cogobernanza co goberno de España e “se incorpore a traballar polo
rural”. Advertiu de que “a Lei de Demografía da Xunta é papel mollado” e
sinalou que “é hora de poñer cartos e facer unha aposta polo reto
demográfico en Galicia, abordando a cuestión fundamental do
despoboamento do rural”.
"Aliado" da industria mar
O líder dos socialistas galegos, que acudiu á xuntanza acompañado do
coordinador da Interparlamentaria socialista, o senador Xoaquín
Fernández Leiceaga, e do coordinador
dos socialistas galegos no Congreso, Guillermo Meijón, tamén subliñou a importancia do sector mar – industria para Galicia. Neste
sentido, constatou o “claro compromiso do Goberno de España co sector,
concedendo tódalas prórrogas ás concesións” de conserveiras e empresas
costeiras do sector mar industria. Sinalou que “o sector pode estar
tranquilo porque vai haber un compromiso claro de tódolos socialistas”
coa súa actividade, e presentouse como “aliado pleno dos sectores
empresariais vencellados á pesca e ao mar”.
Gonzalo
Caballero explicou que o futuro de Ence dependerá dunha sentenza
xudicial pero que, en calquera caso, é positivo abrir unha mesa para
abordar o futuro de Ence. Entendendo que, se a sentenza non fose
favorable a Ence, a responsabilidade da chapuza xurídica sería do
anterior goberno do PP, certo é que convén traballar con distintos
escenarios ata o 2033 e despois dese ano.
Apuntou que
“pódese traballar para buscar distintas vías que posibiliten futuro para
este tipo de actividade industrial en Galicia máis alá” daquela data,
pero se a concesión non vale habería que buscar outro enclave en
Galicia. Explicou que os tribunais determinarán a duración da concesión,
logo das dúbidas sobre a prórroga ata 2073, que parece “mal feita” polo
goberno de Rajoy.
Confirmou que o goberno de España “vai
traballar nunha mesa polo futuro de Ence coa participación de tódalas
administracións, a empresa e o comité de empresa” para traballar e
buscar futuro a longo prazo fóra da ría de Pontevedra. Salientou que “os
traballadores terán o noso compromiso de traballar polo futuro de Ence
en Galicia, pero fóra do seu enclave unha vez que finalicen tódalas
prórrogas”.
Transición ecolóxica xusta
O
líder do socialistas galegos defendeu finalmente unha “fórmula de
transición ecolóxica xusta que busque mecanismos de compensación e
proxectos alternativos para xerar emprego”, sinalando as centrais de
Meirama e As Pontes. Indicou que o Executivo traballa para que “aquelas
empresas que tiveron tantos beneficios, como Endesa manteñan o emprego,
pero tamén en buscar actividade e compromiso con Ferrolterra”.
Resumiu
que os socialista galegos “traemos ao goberno de España a axenda de
prioridades para o futuro do noso país buscando a cogobernanza entre a
Xunta e o Goberno de España para dar solucións ante a crise de maior
envergadura”. O obxectivo, dixo, é “facelo buscando abordar o reto
demográfico e favorecendo unha Galicia verde e ecolóxica compatible coa
prioridade do emprego”. O secretario xeral repasou tamén a
axenda galega en materia de enerxía, proxectos europeos e
medioambiente, e trasladou as preocupacions e ideas sobre os temas
galegos. Departamento de comunicación