SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, cualificou o encontro bilateral co presidente da Xunta,
-dúas horas e media de reunión-, de “cordial e positivo”, no que se repasaron algunhas das grandes
cuestións de país desde o “ánimo de aportar” a favor de Galicia, cada quen desde
a súa responsabilidade e conscientes das diferencias políticas.
“Unha reunión
desde o diálogo e con propostas, desde a evidencia de que somos forzas
políticas diferentes, pero hoxe o debate non era o dunha sesión de control,
senón para poñer sobre a mesa alternativas, ideas ante unha crise brutal e
sumar a favor dos galegos e das galegas que nos piden altura de miras, que nos
piden que sexamos parte da solución cando hai milleiros de persoas que o están
pasando realmente mal”, sintetizou Pontón.
A xuntanza pivotou sobre catro grandes
ámbitos temáticos que a líder nacionalista adiantara nun dossier remitido ao presidente da Xunta: sanidade e servizos
sociais, recuperación económica da man dos fondos Next Generation, infraestruturas e autogoberno e transferencias.
Cuestións nas que constataron evidentes diferencias pero tamén puntos de
encontro.
Asuntos
relacionadas coa loita contra a violencia machista, infraestruturas e
autogoberno
Neste sentido, Pontón explicou que o
mandatario galego avanzou que apoiará a proposta de lei presentada polo BNG no
Parlamento para que a violencia vicaria, -a que se exerce contra a muller a
través dos seus fillos e fillas-, sexa incluída como violencia de xénero a
todos os efectos legais, “o que permitiría contar con todo o apoio da lei ante
situacións que son dramáticas”, indicou.
Igualmente, confirmou a disposición do xefe do Executivo
a estudar un incremento das axudas ás vítimas do machismo.
Coincidencia tamén na necesidade de
darlle un impulso a infraestruturas esenciais pero que levan anos de retraso,
traballando, cando un desde a súa
responsabilidade e utilizando a súa influencia política, en cuestións como a chegada
do AVE, a modernización do ferrocarril, o corredor atlántico de mercadorías ou
as conexións ferroviarias cos portos, con mención específica a Punta
Langonsteira.
Neste punto, a líder do Bloque pediu a
Feixóo que no relativo á AP9 “non se
acepte nada por debaixo do recollido no acordo de investidura BNG-PSOE, que
incluía a bonificación das peaxes con independencia da frecuencia de uso”. Outro ámbito no que houbo puntos de
encontro foi o das transferencias para avanzar no autogoberno real de Galiza,
despois de que a líder nacionalista lle lembrara ao presidente da Xunta doce
anos de mandato sen unha soa nova transferencia.
“Houbo coincidencia en abrir unha nova
etapa para avanzar no autogoberno real empezando por reclamar todas as
competencias que xa conseguiron as outras nacionalidades históricas, partido do
cumprimento do acordo do Parlamento de xaneiro de 2020”, explicou Pontón, quen
tamén propuxo que se convoque a Comisión mixta de
transferencias Estado-Galiza, “para
abordar a transferencia da AP9, abrir o debate na transferencia de costas e, a
de tráfico para
desenvolver unha policía propia”.
Ante a crise industrial
No ámbito industrial, que ambos piden mellorar
o estatuto das electrointensivas do Goberno central e, no caso da líder do BNG,
ir máis aló da man dunha tarifa eléctrica propia que permita sacar partido de
ser este un País rico en electricidade. E sintonía á hora de reclamar carga de
traballo para Navantia. A discrepancia foi total na diagnose da
situación do sistema sanitario e dos servizos sociais así como en materia de
recuperación económica da man dos fondos europeos Next Generation, onde Pontón deixou claro que o PP “xa tiña
decidido fai meses que rexeitaba o gran pacto de país que propuxemos desde o
BNG”.
“O presidente do Goberno ten optado por
outra vía que non é a dun gran acordo de País, pode facelo porque ten maioría
absoluta, pero penso que é un erro”, recalcou Pontón, para quen era obvio que
Feixóo desbotaba esa posibilidade desde o momento que rebaixou o alcance da
Comisión parlamentaria de reconstrución económica e social tanto desde o punto
de vista político, negándose a comparecer; como desde o punto de vista
económico, limitando a 33 millóns de euros a cantidade “ridícula” para posibles acordos.
Novo paradigma económico
Pontón expuxo os tres puntos claves en
relación aos fondos europeos: xestión directa desde Galiza, que non queden en
mans dun puñado de multinacionais senón que se estendan a todo o tecido
produtivo, Pemes e autónomos; e que senten as bases dun novo modelo económico
sustentable, baseado na ciencia e na innovación. Discrepancia absoluta tamén no ámbito
sanitario, onde Pontón abordou o deterioro
dos sistema público de saúde tras doce anos de recortes e
privatizacións, indicando que faltan medios na atención primaria, hospitalaria,
na atención a saúde mental e na atención a saúde da poboación máis aló da
COVID. E deixou un paquete de propostas.
Plan de reforzo da atención primaria con
200 M€, plan de choque para saúde mental, medidas para reducir as listas de
espera, e contratación de máis persoal en todos os servizos sanitarios. En
relación á campaña de vacinación, criticou que a Xunta aínda non teña remitido
unha proposta e pediu a Feixóo que se corrixan solapamentos na administración
do antídoto así como a desigualdade nos ritmos de vacinación por áreas
sanitarias.
En relación aos servizos sociais, Pontón
propuxo ao xefe do Executivo que as sete novas residencias previstas nas
grandes cidades galegas sexan de xestión pública directa, “sería unha mensaxe
contundente de que se aposta por un cambio de modelo a favor do dereito a unha
vellez digna e de que se toma nota do sucedido na pandemia”, concluíu. Departamento de comunicación