VIGO | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, as deputadas Rosana Pérez e Carmela González, e o portavoz municipal Xabier Pérez Igrexas, defenderon que o goberno galego e estatal insten a Comisión Europea a revisar o regulamento de control de pesca, aprobado recentemente pola Eurocámara, xa que resulta “tremendamente prexudicial para a frota galega” e sinalou que “aínda é posible modificar ese regulamento para a pesca artesanal”
“A aprobación do Regulamento de Control da Pesca no Parlamento Europeo é unha mostra máis o descoñecemento que ten a UE do sector pesqueiro galego, con decisións que supoñen un agravio para a nosa frota, alonxadas da realidade do sector e desproporcionadas”, subliñaron os nacionalistas nunha visita que realizaron ao porto vigués antes de sumarse á protesta convocada pola Federación Galega de Confrarías e de manter un encontro coa Asociación de Comercializadores de Pescado de Vigo (ACOPEVI).
Para o BNG, os gobernos non defenden ao sector galego en Bruxelas, xa que na Eurocámara, tanto PP como PSOE votaron a favor do regulamento do control de pesca. “Debían terse anticipado a unha regulación que supón na práctica sumar prexuízos aos que xa sofre a frota galega, no reparto de cotas e TACs”. “O goberno galego e o goberno do Estado teñen que esixir en Bruxelas que a presentación dos datos de capturas en formato impreso poida seguir sendo posible, como alternativa, para os buques pesqueiros de eslora inferior a 12 metros”, subliñou Ana Miranda, quen defendeu que Galiza debe exercer as súas competencias propias en materia pesqueira rexeitando esta imposición.
Iniciativas no Parlamento galego
“De que lado están PP e PSOE, preguntámonos no BNG, do lado do sector pesqueiro e marisqueiro ou na súa contra”, manifestou a deputada Rosana Pérez, quen avanzou que hoxe mesmo rexistrou iniciativas no Parlamento galego rexeitando o regulamento de control de pesca aprobado no Parlamento Europeo e instando a presionar para acadar a súa modificación.
Para o Bloque, a obriga, no segmento de frota artesanal do diario electrónico a bordo e a súa transmisión “é na práctica algo moi gravoso para a pesca e o marisqueo, porque supón unha carga desproporcionada para os barcos e a súa capacidade de faenar”. As nacionalistas tamén manifestaron a súa oposición á obrigatoriedade de que todas as embarcacións de máis de catro metros teñan que estar xeolocalizadas e á instalación de cámaras a bordo. “Consideramos que a videovixilancia é unha medida excesivamente invasiva que amosa que na UE están máis preocupados en lexislar que en saber como son as condicións de traballo dun sector tan duro como o pesqueiro”, manifestan.
Fronte a postura de PP e PSOE, contrarias aos intereses da frota galega, desde que foi presentada a proposta da Comisión Europea o Bloque criticou duramente tanto a proposta do diario electrónico para a pesca artesanal, a xeolocalización e a instalación de cámaras nas embarcacións para controlar a obriga do desembarque das capturas. “A existencia dunha normativa común a todos os Estados da Unión Europea no control da pesca non pode supoñer unha carga de traballo desproporcionada e unha constante ameazada para o sector da frota galega”, salientan os responsables nacionalistas. Departamento de comunicación