MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha batería de emendas
ao articulado do Proxecto de Lei Orgánica de protección de datos persoais
tratados para fins de prevención, detección, investigación e axuizamento de
infraccións penais e de execución de sancións penais, que traspón as
Directiva europea do mesmo nome. O obxectivo da organización nacionalista é
protexer os dereitos fundamentais recoñecidos tanto na lexislación estatal como
internacional e que agora se ven ameazados pola aprobación deste Proxecto de
Lei.
En primeiro lugar, preténdese
impedir o almacenamento de información que afecte á intimidade das persoas e
que podan ser discriminatoria, por facer referencia á súa ideoloxía, relixión,
raza, etnia, orientación sexual ou procedencia, debendo ademais evitar sempre
que se reúnan para “previr” delitos, pois pode levar a identificacións baseadas
en prexuízos das persoas, e no caso de investigación de persoas sospeitosas, só
cando eses datos podan ser relevantes directamente segundo a infracción de que
se trate.
“A inclusión de datos sobre a situación cultural, social ou económica
supón un estigma que abriría a porta a prexuízos e discriminacións baseados na
capacidade adquisitiva, o ideario relixioso, a orixe cultural ou racial” sinala
Rego. Neste sentido, tamén apunta que non se pode obrigar a revelar a pertenza
ou non a un partido político, sindicato ou asociación “porque atenta
directamente ao dereito fundamental á intimidade persoal”. Para coñecer esta
información, segundo afirma a formación nacionalista, teríase que solicitar
unha autorización xudicial que garanta que a necesidade de investigar un delito
prevalece sobre o da intimidade e que autorice esa intromisión.
Neste mesmo sentido, o
proxecto pretende estabelecer a obriga para todas as persoas tanto físicas como
xurídicas de entregar a documentación e información que as Forzas e Corpos de
Seguridade do Estado lle soliciten, sen necesidade de solicitar autorización
xudicial e baixo ameza de sancións graves en caso de negarse. Como é lóxico, o
BNG entende que durante unha investigación a Policía debe poder ter acceso a
todos os documentos considerados públicos ou de libre difusión, mais aqueles
que afectan a materias de especial protección ou á intimidade (datos de socios,
clientes, investigacións realizadas nas empresas, datos económicos...), só
poden seren entregados voluntariamente ou ben con autorización xudicial, mais
non ante un mero requirimento dos investigadores.
“Ademais a norma obriga a que
unha vez entregada a documentación non se informe desta disposición ás persoas
afectadas, o que vulneraría non só os seus dereitos a saber se os seus datos
foron comunicados, senón o seu dereito á presunción de inocencia e a unha
adecuada defensa procesual, por este motivo, o BNG solicitou a súa supresión do
texto”, sinala Néstor Rego.
Por outra parte,
presentáronse tamén emendas para axustar o tempo máximo de conservación dos
documentos e información en poder das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e
resto de órganos relacionados coa investigación de infraccións así como do
axuizamento e execución das sancións. Esta emenda foi xa aceitada mediante
transacción na fase de relatorio da norma, garantíndose que se deberá destruír
á información en canto xa non poda ser útil para as investigacións que sigan en
curso e nuns prazos máis breves que os dispostos inicialmente.
A Lei tamén regula a
instalacións de cámaras fixas en vilas e cidades, e prevé expresamente que
estas poderán instalarse sen necesidade de contar coa autorización, ou nin
sequera, ter que informar ás autoridades locais e ás administracións con
competencias no territorio. “É impensábel que se permita instalar unha cámara
fixa na cidade de Santiago de Compostela, por exemplo, sen que o Concello teña
coñecemento de onde se instala e dos motivos para facelo. A instalación de
cámaras de vídeo vixilancia indiscriminadamente non respecta o principio de
excepcionalidade e de proporcionalidade entre o dereito á intimidade das
persoas e os bens xurídicos que se pretenden protexer” apunta o deputado do BNG,
e por este motivo reclamamos a supresión desta previsión.
No relativo ao uso de
dispositivos móbiles para gravar, a organización nacionalista sinala que o
texto lexislativo proposto ten a intencionalidade clara de perseguir e
investigar “preventivamente” eventos públicos, actos amparados na liberdade de
expresión, opinión e protesta perfectamente lícitos, criminalizándoos. “As
concentracións e as manifestacións non poden ser obxecto de control policial en
ningún caso. As gravacións de actos públicos non se poden realizar con carácter
preventivo” incide Rego. No referido ás gravacións tamén se pretende introducir
a obriga para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado de que as gravacións obtidas
deben ser destruídas nun prazo máximo de 72 horas desde o momento en que foron
tomadas se non existe infracción penal ou administrativa apreciábel” aclara
Rego.
Por último o proxecto de lei
regula o dereito de acceso, información e cancelación sobre os datos que obran
en poder das distintas autoridades públicas, esquecendo máis unha vez, o estabelecemento
da obrigatoriedade de que toda a información que se subministre, os formularios
de acceso, así como as comunicacións de todo tipo ao respecto deban estar
dispoñíbeis e accesíbeis en todas as linguas oficiais do Estado. “Outras das
emendas presentadas garante o dereito a acceder á información e a exercer os
dereitos de cancelación e rectificación en galego, recollendo así de forma
explícita o deber de respectar a realidade plurilingüe do Estado” subliña o
deputado do BNG no Congreso.
En definitiva, o texto proposto
polo Goberno supón un grave retroceso nos dereitos civís e liberdades públicas
recoñecidas no Estado español, dando máis liberdade de actuación ás Forzas e
Corpos de Seguridade do Estado sen necesidade de control xudicial para reprimir
e criminalizar preventivamente conductas que consideren perigosas. “O BNG non
pode ficar calado ante esta grave ameza ás liberdades dos galegos e galegas e
do conxunto da cidadanía, manterá as emendas presentadas e defenderá que se
corrixa o texto tanto na Comisión de Interior como no Pleno do Congreso, mais
de manterse o contido actual, non poderá apoialo” conclúe Néstor Rego. Departamento de comunicación