El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Gonzalo Caballero: "A historia do PSdeG é tamén a histoira de Galicia"

O PSdeG celebra os 40 anos de Estatuto de Autonomía.

03-04-2021 17:34:39
Gonzalo Caballero (c), González Laxe (i) e Touriño.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pechou hoxe o acto de conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía no que participaron Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe na súa condición de presidentes da Xunta, así como históricos socialistas que estaban en activo na etapa na que se redactou e aprobou a carta estatutaria.   

No compostelán parque de Bonaval, Gonzalo Caballero subliñou que “o galeguismo” que fixo avanzar no ano 81 o noso autogoberno “ten que seguir impregnando ao PSdeG” cara os retos do futuro. “Galicia é a miña paixón”, dixo logo de citar a Hegel e duns versos de Manuel María tras os que sinalou que “a nosa terra está en cada un de nós, no noso compromiso co país”.   

Así é que, logo de que os distintos intervintes subliñaran “o papel fundamental” do PSdeG na aprobación do vixente Estatuto de Autonomía, o líder dos socialistas galegos proclamou: “A historia do PSdeG é tamén a historia de Galicia, e o noso futuro seguirá escribíndose en Galicia”.   

“Igual que hai 40 anos conseguimos un estatuto de primeira, seguiremos traballando agora por unha Galicia mellor”, recalcou Caballero, consciente de que “socialismo e galeguismo” son as dúas caras do partido. “Porque somos un instrumento ao servizo de Galicia, e os galegos e as galegas son o que nos move”, afondou, antes de sinalar que “seguiremos traballando en, por e para Galicia”.   

De feito, o xefe de filas do PSdeG destacou a liña que une “a loita histórica, patriótica” dos galegos que no ano 36 tentaron a primeira carta estatutaria cos que o lograron no ano 81; cos que, en 2007, con Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta, “tentaron levar a nosa norma fundamental a maiores cotas” e cos que, en 2021, “defendemos que o autogobernos é a mellor forma de xestionar os retos do futuro”.   

Tanto é así que fixo fincapé en que a celebración dos 40 anos da autonomía non son a reivindicación do pasado, “senón o camiño para o futuro” e “a mellor folla de traballo” para seguir construíndo “un país mellor”. “O estatuto non foi o punto de chegada”, puntualizou, defensor dun “galeguismo que non se quere pechar, senón abrir para apostar por unha Galicia mellor”.   

Precisamente por iso avogou por enfrontar “o reto” de “actualizar” o estatuto unha vez superada a crise derivada da pandemia. “Agora todo o noso esforzo está en facer as mellores políticas para os galegos e as galegas ante a crise”, deixou claro Gonzalo Caballero, antes de chamar a todo o partido a “centrarse” nesa tarefa.    

“Non perdamos un minuto no que non é importante. Cómpre defender aos galegos e ás galegas da crise máis profunda que recordamos”, incidiu, consciente de que as mulleres “saen sempre máis rezagadas” das crises, de que os novos “non atopan oportunidades de futuro na nosa terra” e de que moitos traballadores e empresas “non chegan a fin de mes”.   
Iso si, Gonzalo Caballero garantiu que seguirá demandando novas competencias para Galicia, como o traspaso da AP-9, ou as transferencias de tráfico ou inspección laboral, e que a súa política á fronte do PSdeG será “pensando en Galicia” e buscando unicamente “nas necesidades do país”.   

"O Estatuto de Autonomía -dixo- é froito da mellor política e dos mellores políticos, dos que foron quen de facer política mirando os intereses do país. É o momento de recuperar esa forma de facer política”, reivindicou o responsable do PSdeG, coa vista posta tamén na recuperación trala covid.    

“Necesitamos un novo acordo de país que permita que as mellores ideas e iniciativas reciban os fondos e os recursos que precisan para o progreso e o avance de todos. Por iso propúxenlle ao presidente da Xunta que nos reuniramos cada certo tempo”, explicou, para enfatizar a importancia do diálogo e dos acordos para a reactivación, antes de sinalar a Laxe e a Touriño como a súa “referencia para servir a Galicia”.   


Touriño: "O Estatuto, froito da loita do PSdeG" 

Canto aos expresidentes da Xunta, Emilio Pérez Touriño recordou que a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia “foi o resultado da mobilización, da loita e do esforzo” e que o PSdeG foi “motor” daquel proceso polas súas “firmes conviccións galeguistas” e pola súa “crenza na capacidade de Galicia”.   

“En momentos de tanta polarización política”, ademais, recordou que a carta estatutaria foi “froito da vontade de acordo e de diálogo” de distintos representantes políticos e do marco constitucional vixente. “Sen a Constitución non habería Estatuto”, incidiu fronte a aqueles que hoxe fan “unha lectura ilexítima da realidade”.   

A partires de aí, Touriño indicou que “a autonomía ten dado a Galicia un froito de extraordinario éxito” en termos de avance económico, social e de dereitos. “E contribuíu a que créramos en nós mesmos, a crear conciencia de galeguidade a través do recoñecemento da nosa diversidade lingüística e cultural”, apostilou.   

Coa vista posta no futuro, quen foi presidente da Xunta entre 2005 e 2009 chamou a que o PSdeG siga sendo “motor” para o “avance” de Galicia, visto os grandes retos que afronta a nosa comunidade en materias como a demografía, o reequilibrio territorial ou o desenvolvemento das nosas potencialidades.   


Laxe: "Fomos clave no Estatuto"  

Do mesmo xeito, o expresidente Fernando González Laxe subliñou que “se existe o Estatuto de Autonomía, é grazas a nós”, porque “sempre tivemos unha forte identidade galeguista” e “un íntimo nivel de compromiso co noso legado histórico” que nos levou a frear “a aldraxe”.   
“Porque o Estatuto non foi unha carta outorgada. Houbo que loitalo, traballar por el”, engadiu, explicando así que “nós non queriamos uniformidade” senón que “se tiveran en conta as nosas particularidades” nunha sorte de “federalismo asimétrico”.   

“E fomos nós os que mantivemos o facho azul e branco da bandeira galega”, recalcou Fernando González Laxe, quen agradeceu este acto como “unha recompensa histórica” do traballo de “quen hai moitos anos puxemos bandeiras galegas en todos os sitios para defender o Estatuto e o autogoberno de Galicia” aínda que “hoxe outros tentan aproveitarse” dunha tarefa na que non participaron.   

“Pero hoxe podemos dicir que o período autonómico de 1981 ata agora foi moi positivo para o país, unha etapa de 40 anos de avance e progreso”, tal e como puxo de relevo quen presidiu Galicia de 1987 a 1989.   


Vázquez Fouz  

Pola súa banda, José Vázquez Fouz, un dos integrantes da Comisión dos 16, reivindicou que o PSdeG “é o único partido en Galicia con vocación autonomista”, tanto “antes” como “agora”. “Mantivemos a coherencia política”, resaltou, logo de recordar que os nacionalistas galegos decidiron excluírse das negociacións.   

Iso si, o veterano socialista lamentou non ter sido quen “de capitalizar esa posición” de defensa da “dignidade” de Galicia. “Sempre traballamos para que Galicia non quedase postergada”, engadiu.   


Margariña Valderrama  

Antes, Margariña Valderrama, membro da executiva do PSdeG naquela etapa, puxo en valor o traballo de moitos que xa non están na reivindicación ante Madrid dun texto estatutario “análogo” ao que se aprobara en Cataluña e no País Vasco. “Porque éramos galegos”, argüíu.   

“Logramos un estatuto de máximos con traballo e ilusión, con debate e con convencemento, e acompañados pola cidadanía de Galicia”, resaltou, antes de subliñar que o estatuto que defendeu o PSdeG é hoxe “o de toda Galicia”. “E os presidentes Laxe e Touriño fixérono florecer facendo unha Galicia máis xusta”, concluíu.   


Noa Díaz 

Ademais, Noa Díaz, secretaria de Cultura do PSdeG, destacou “o papel” xogado polo PSdeG daquela para conseguir o Estatuto de Autonomía que hoxe festexamos. “Sen un PSdeG con fortes conviccións galeguistas e sen unha cidadanía galega que así o demandaba, hoxe non o teríamos”, reflexionou.   

Non esqueceu “as presións” da dirección federal do PSOE para que se aceptasen os cambios formulados nas Cortes Xerais e que reflectiu Ceferino Díaz no libro ‘A esforzada conquista da autonomía’, que ela mesma coordinou.   


Bugallo  

Finalmente, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o encargado de abrir o acto, recordou os intentos de aprobar un estatuto para Galicia xa durante a II República e como máis tarde se acadou o consenso en torno á carta estatutaria que o vindeiro martes cumpre 40 anos da súa publicación como lei.   

“O PSdeG xogou un papel decisivo para que Galicia tivera un Estatuto”, destacou, tras sinalar que nestes 40 anos “Galicia transformouse” dende todos os puntos de vista: no educativo, no sanitario, no das infraestruturas… Por todo iso, felicitou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, por ter organizado este acto hoxe en Santiago. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias