SANTIAGO DE COMPOSTELA | O deputado do BNG, Néstor Rego, visitou as instalacións
de Cooperativas Lácteas Unidas, CLUN, no Concello de Ames acompañado do voceiro
municipal do BNG e tenente de alcalde, David Santomil, e o responsábel local en
Negreira, José Ramón Blanco. Rego destacou a labor realizada pola cooperativa
nestes anos e comprometeuse a garantir que a nova Lei da Cadea Alimentar non
prexudique os intereses das cooperativas e das e dos cooperativistas.
Durante
a visita, o deputado nacionalista mantivo un encontro co presidente de CLUN,
José Ángel Blanco Purriños, e membros da directiva. Este clúster lácteo foi
fundado en 2017 a raíz da unión de tres cooperativas galegas- Feiraco, Os
Irmandiños e Melisanto- e conta con máis de 500 traballadores. Na reunión Rego
mostrou o seu recoñecemento pola labor que están a desenvolver na cooperativa e
a posta en valor do sector primario e, en concreto, do sector lácteo.
“Apostar
pola modernización e a innovación é unha das cuestións que vimos defendendo no
BNG para que o sector agrogandeiro poida ser un motor de desenvolvemento
económico e pór fin ao abandono de terras e do medio rural” apuntou Rego
durante a xuntanza pondo como exemplo a cooperativa CLUN. “Impulsar un modelo
de aproveitamento que sexa sostíbel, que permita manter as pequenas
explotacións e cooperativas e apostar por liñas de calidade son medidas cada
vez máis demandadas no mercado” sinalou o deputado nacionalista.
Inclusive,
e volvendo ao exemplo de CLUN, Néstor Rego puxo en valor a aposta polo
fechamento do ciclo produtivo no propio territorio “que permite aproveitar
todas as potencialidades do noso País para xerar riqueza e emprego no
territorio”. Así mesmo, o deputado nacionalista púxose a disposición da
Cooperativa como xa fixo nos Orzamentos Xerais do Estado apoiando unha emenda
para que as bebidas lácteas non tivesen unha suba do IVE como as bebidas
azucrada.
Protexer
as cooperativas na Lei de Cadea Alimentaria
Alén
do máis, o deputado nacionalista comprometeuse a presentar emendas ao Proxecto
de Lei da Cadea Alimentar para protexer os intereses das cooperativas. “Ese
primeiro paso de venda entre os produtores e a industria de transformación non
se pode aplicar á venda que fan os e as cooperativistas ás cooperativas xa que
é un caso diferente e, nese sentido, as relacións internas deben quedar
exceptuadas”, explicou Rego. Departamento de comunicación