SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG
considera decepciónante o resultado do segundo encontro entre o presidente da
Xunta e o ministro de Fomento que, máis aló do mutuo intercambio de eloxios,
deixa poucas concrecións, moitas interrogantes e mesmo abre a porta a novas
discriminacións con Galicia por parte do Goberno do Estado coa complicidade do
Executivo galego. Entre os
grandes asuntos pendentes, a aplicación das rebaixas das peaxes da AP-9,
recollidas no acordo BNG-PSOE.
“A conclusión é
que Galiza terá que seguir esperando cando menos até o mes de xullo para
beneficiarse da rebaixa, é dicir, seis meses de retraso sobre o acordo
negociado co BNG e grazas ao cal os galegos e as galegas pagarán menos por
utilizar a AP9. E evidente que poñer coto á estafa das peaxes foi sempre prioritario
e por iso incluímos esa cuestión a cambio do apoio de investidura, pero
consideramos intolerable que se siga demorando a execución dese acordo e deses
descontos”, destaca a portavoz nacional, Ana Pontón.
A líder do BNG
tamén pon sobre a mesa unha cuestión tras a comparecencia do ministro de
Fomento, José Luís Ábalos, explicando que o Goberno do Estado calcula que
pagará a AUDASA 1.500 M€ en concepto de bonificación de peaxes até 2048, data
final da concesión. “Se a cifra estimada a pagar polo Estado é de 1.500 millóns
de euros en bonificación, habería que analizar o custe dun rescate dunha
infraestrutura clave para Galiza”, indicou.
O Porto da
Coruña foi outras das cuestións importantes do encontro e, neste caso, o
balance do BNG é absolutamente crítico ao considerar que PP e PSOE, Goberno de
Pedro Sánchez e Goberno de Núñez Feixóo, pactan de facto unha nova
discriminación con Galiza ao dar por feito que terá que pagar a débeda de 300 millóns por unha obra estatal, a do porto exterior de Punta Langosteira.
“Estamos ante unha novo agravio porque lle negan A Coruña o
que se lle deu a Valencia asumindo os 300 millóns de euros da débeda do Porto de Valencia,
mentres que en Galiza se fala de re-negociación da débeda obrigándonos a pagar
unha obra do Estado con cargo aos terreos do porto interior que son patrimonio
dos coruñeses e das coruñesas”, alegou.
Neste sentido, o Bloque insiste en dúas cuestións: que os
terreos das dársenas de Calvo Sotelo, Batería e San Diego deben ser cedidos á
cidade unha vez queden libres de usos portuarios e a licitación inmediata da
conexión ferroviaria con Punta Langosteira, con independencia de cal sexan os
fondos que se usen para o financiamento desta obra estimada en 140 millóns. “No encontro non se concretou a data de licitación é iso é
inadmisible nunha infraestrutura que leva anos de retraso e sen a que o porto
exterior non ten futuro”, recalcou.
En relación á chegada do AVE, o BNG confía e que se cumpra o
comprometido e que antes de que finalice o ano se poda viaxar en alta
velocidade desde Galiza, aínda que expresou o seu escepticismo sobre o anuncio
de Feixóo que o enlace con Lugo estará listo en 2024. “Xa sabemos cal é a primeira
data que se vai incumprir na chegada do AVE a Lugo: 2024”, ironizou.
Tamén se despachou con xeneralidades a modernización da rede
ferroviaria do interior, a mellora da conectividade por tren Ferrol-A Coruña, a
finalización da autovía Santiago-Lugo, que leva tres décadas en execución, ou
os investimentos en materia de rehabilitación de vivenda nos cascos históricos. E o mesmo coas
estacións intermodais de Ourense, Lugo e A Coruña que, tras recoñecer que non
van a bo ritmo, despacharon o asunto apelando á votade de axilizar as obras. Departamento de comunicación