SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG considera necesario superar o actual marco institucional dun
Estatuto que, tras 40 anos, demostrou non ser unha ferramenta
suficiente
para solucionar os problemas estruturais do País: crise demográfica,
emigración, precariedade e baixos salarios, desertización
industrial, espolio dos recursos, debilidade dos servizos públicos,
declive no uso da propia lingua, entre outros.
“Hai
que mudar o rumbo, dar un paso adiante deixando no faiado un traxe
que quedou pequeno”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón,
na comparecencia posterior á reunión do Consello Nacional. O
obxectivo é dotar “a Galiza do século XXI dun Estatuto de nación
do século XXI”, alegou, quen traslada esa necesidade de avanzar
cara unha Galiza soberana a través dunha dobre proposta.
Abrir
un debate sereno no Parlamento, “unha
vez deixemos atrás a pandemia e as súas consecuencias, co obxectivo
de darnos unha nova folla de ruta institucional para construír a
Galiza do futuro”, explicou. E, ao mesmo tempo, este reto “non
nós impide reclamar a apertura
inmediata dun proceso de negociación bilateral co Estado para
conseguir todas as competencias pendentes”.
Pontón
entende que “hai que poñer fin ao triste balance de doce anos de
Goberno de Feixóo sen un soa nova transferencia, facer efectivo algo
tan básico como que se cumpra a lei e se transfiran a Galiza todas
as competencias pendentes que, 40 anos despois, aínda están en mans
do Estado”, explicou.
O
Consello Nacional tamén analizou a situación
política marcada pola “crispación do centralismo madrileño”,
-agudizada pola convocatoria electoral-, que “afonda no descrédito
da política xusto nun momento no que debe ser instrumento para dar
solucións aos problemas reais da sociedade”, alegou a portavoz
nacionalista.
Unha
crispación centralista “da que se está contaxiando o PP de Feixóo
quen, en medio dunha pandemia, con graves problemas de xestión e con
miles de cidadáns en situación límite, decide lanzarse a atacar ao
BNG e a súa portavoz, embarrando o debate e facendo de oposición da
oposición, cando os galegos e galegas lle pagan para gobernar”,
denunciou Pontón.
Para
a dirixente nacionalista, a actitude do presidente da Xunta de
sumarse á crispación madrileña e atacar ao BNG só ten dúas
explicacións: ou pretende tapar os graves erros da súa xestión da
pandemia ou quere marcar perfil ao darse conta que na súa pugna por
suceder a Casado, “Ayuso vai ganando por goleada”. “Máis lle
valería centrarse na derrota do virus e en saír dunha crise que ten
consecuencias devastadoras”, alegou.
Neste
sentido, Pontón pídelle a Feixóo que canalice esa “belixerancia”
contra o Bloque cara a defensa dos intereses de Galiza, belixerancia
que contrasta, indicou, coa “debilidade” que mostra á hora de
defender os intereses do País, como se comprobou na reunión co
ministro de Fomento.
Complicidade na discriminación
Un
encontro no que o xefe do Executivo pasou de criticar durante meses
por terra, mar e aire o acordo do BNG co PSOE para rebaixar as peaxes
da AP9 a asumir como normal que os galegos e as galegas teñan que
esperar cando menos até xullo para beneficiarse das rebaixas
pactadas nese acordo.
Ou a
complicidade do presidente da Xunta ante unha nova discriminación,
neste caso negándolle ao Porto da Coruña o que o valenciano
ministro de Fomento si lle concedeu ao Porto de Valencia. “Por que
o Goberno do Estado pode condonar a débeda do Porto de Valencia,
-300 M€-, e non busca unha fórmula para facer o mesmo co Porto da
Coruña? E todo man a man cun Feixóo convertido en cómplice dese
agravio en lugar de reclamar un trato xusto para Galiza”, denunciou
Pontón.
Inmunidade do 70% en agosto?
“Pedímoslle
que, por unha vez, exerza como presidente, que sexa parte da solución
porque hai moito en xogo: a recuperación económica e social, o
reparto dos fondos europeos, frear a desertización industrial,
reforzar a sanidade pública ou dotarnos dun novo modelo de atención
ás persoas maiores”, cuestións todas clave para o futuro e nas
que o BNG está disposto a chegar a acordos a favor do País.
En
relación á pandemia, Pontón pediu extremar a prudencia ante unha
eventual desescalada, pois o importante é evitar unha cuarta onda
que tería de novo un custe en vidas e sería outra volta de torca en
materia económica e laboral. E insiste en que o xefe do Executivo
debe explicar no Parlamento o proceso de vacinación e se mantén
como viable o obxectivo de que Galiza teña ao 70% de poboación
inmunizada en agosto.
Preguntada
polo incidente machista nun programa de prime
time,
-LandRober-,
na canle pública, a
portavoz nacional considera ao director xeral da CRTV, Alfonso
Sánchez Izquierdo, o “máximo responsable duns feitos moi graves”
e, polo tanto, debe dimitir. Departamento de comunicación