MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas
na cámara baixa reclamando ao Goberno do Estado que adopte as medidas
necesarias para garantir a continuidade da actividade de construción e
reparación naval no estaleiro “San Enrique” de Vigo en relación coa concesión
de dominio público. A formación nacionalista quere coñecer os plans do
executivo estatal sobre a antiga Vulcano e exíxelle priorizar os usos
destinados á actividade naval e do emprego no estaleiro, para o que é preciso manter
a actual concesión no mínimo até 2027.
O estaleiro Vulcano, no barrio vigués de
Teis, constituía unha das principais unidades produtivas do sector naval
vigués, desenvolvendo a súa actividade por espazo de cen anos, cunha notábel
relevancia en termos de impacto socioeconómico, tanto en postos de traballo
directos e indirectos como en mobilización de industria auxiliar do metal.
Após o procedemento concursal da antiga empresa que tiña
a concesión de dominio público e a transferencia desta a unha nova compañía,
Mariña Meridional, comezou a ofensiva administrativa e legal por parte do, por
aquel entón, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga,
que chegou a empregar a propia Avogacía do Estado co obxectivo de impedir a transferencia dos
dereitos concesionais de Vulcano a Mariña Meridional. Para a formación
nacionalista, as declaracións do anterior presidente e o actual, Vázquez
Almeida, verifican que “a ofensiva administrativa e xudicial emprendida para
resolver a concesión de Vulcano estaba motivada no obxectivo de rematar coa
actividade de construción e reparación naval e destinala a outros usos,
singularmente, os referidos a loxística de contedores”.
A este respecto, resultan tamén moi preocupantes as
declaracións do Sr. Vázquez Almuíña en que admite que unha futura nova
concesión poida destinarse a usos distintos que os actuais. “Esta decisión
suporía un duro golpe para a industria naval viguesa e empresas auxiliares, e
conta co rexeitamento frontal tanto de organizacións sindicais, empresariais
como da maioría das forzas políticas na cidade de Vigo” afirma o deputado
nacionalista.
Por este motivo, Rego reclama ao Goberno do Estado que se
adopten todas as medidas necesarias para que se garanta a continuidade da
antiga Vulcano, tanto a actividade de construción como a de reparación naval na
concesión portuaria do estaleiro. Alén do máis, a formación nacionalista tamén
rexistrou preguntas ao Goberno para coñecer cales serán as medidas que ten
previsto adoptar e que prioridades de uso terán as instalacións no suposto
dunha nova concesión. Departamento de comunicación