MADRID | No marco da comparencia de Pedro Sánchez no Congreso, o deputado do BNG, Néstor
Rego, reclamou ao Presidente dotar as Comunidades autónomas, após o 9 de maio,
de mecanismos eficaces e xuridicamente seguros para afrontar o combate á
COVID-19. Aliás solicitou ao Goberno rectificar o voto na OMC en contra de
liberar as patentes e lembrou a Sánchez que debe cumprir o acordo de
investidura co BNG.
Néstor Rego
comezou instando o Goberno a recoñecer
que a adquisición de vacinas “resultou un fiasco que afectou gravemente
a subministración e a administración destas”, dando como resultado que máis de
tres meses despois de se iniciar aínda esteamos só en 7 % de persoas vacinadas.
Rego salientou que limitar, como fixo a UE, a compra de vacinas a 4 compañías
foi un erro. “Quedou en evidencia que estas grandes farmacéuticas priorizaron
criterios de negocio fronte ao interese público de salvar vidas”.
Por iso, o
deputado nacionalista convidou o Goberno a rectificar e a facelo tamén en
relación co voto na OMC no mes de novembro en contra da proposta de India e
Sudáfrica de liberar as patentes das vacinas, “porque isto é fundamental para
que a vacinación poida avanzar en todo o mundo e se consiga canto antes
inmunizar o conxunto da poboación mundial. Aposten por priorizar a humanidade,
a saúde e a vida das persoas frente ao negocio do Big Pharma”, salientou Rego.
O deputado
nacionalista expresou a preocupación do BNG por como se vai a enfrontar o
combate ao virus despois de 9 de maio. “Entendemos que é fundamental manter o
principio de precaución e por iso, se o goberno opta por dar por finalizado o
estado de alarma en maio, é imprescindíbel que exista unha norma de desescalada adaptada ás circunstancias
presentes que ademais facilite instrumentos de xestión eficaces e xuridicamente
seguros ás Comunidades Autónomas”.
En relación co
plan de recuperación Néstor Rego criticou a Sánchez a opacidade do Goberno.
“Levan meses negociando coa Unión Europea sen que este parlamento e a sociedade
teñan información clara nin de cales son as exixencias da Unión europea nin
tampouco de cales son as propostas que o goberno está disposto a asumir”.
Neste sentido,
Rego advertiu sobre a evidencia de que lamentabelmente se vai perfilando un
deseño de xestión dos fondos do que se van beneficiar principalmente as grandes
empresas, hipercentralizado e cun papel
subsidiario das Comunidades Autónomas, “que vai agudizar as diferenzas
centro-periferia no Estado, que non aborda os temas máis urxentes e que baixo
un envoltorio de ‘verde’ e ‘dixital’ volve a ser negocio para os de sempre”,
polo que reclamou unha mudanza de criterios e unha repartición xusta dos
fondos.
Rego advertiu que
o BNG está sempre disposto ao diálogo e á colaboración en todo aquilo en que
poida coincidir cos partidos do Goberno, mais que “para que iso sexa posíbel e
frutífero o goberno ten que cumprir os seus compromisos, tanto a derrogación da
reforma laboral, das pensións ou da lei
mordaza como o conxunto do Acordo de Investidura asinado en xaneiro de
2020”.
Dado que o debate
se produce no día en que se fan 90 anos da proclamación da II República, o
deputado do BNG encerrou a súa intervención cun “ Saúde e República Galega”. Departamento de comunicación