SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, levou a sesión de control a “incapacidade” do presidente
da Xunta para defender os intereses de Galicia ante o Goberno do Estado, -en
particular nos Next Generation-, o
que lle está costando ao País centos de millóns de euros en plena crise e xusto
cando se está a negociar o reparto dos 72.000 millóns de euros de axudas directas dos fondos
europeos.
“Saír da crise
é a prioridade, pero non é gratis porque precisa investimentos masivos”, alegou
Pontón, tras destacar que os fondos europeos “non son a panacea nin poden condicionarse
a recortes sociais, pero son os únicos recursos extra sobre a mesa e Galiza
debe recibir até o último euro que lle corresponda”, salientou.
Ao tempo que se
presentaba no Congreso o plan para o reparto de 72.000 millóns en axudas directas,
Pontón preguntaba a Feixóo “que está facendo para que os cartos que lle
corresponden a Galiza non se perdan polo camiño do centralismo nin porque
outros defenden mellor os seus intereses?”. En definitiva, para evitar unha
nova discriminación.
“Moito me temo que
os Next Generation van terminar por
ser un monumental fiasco para Galiza, un monumental fiasco pola súa
incapacidade para defender os intereses galegos e pola opacidade do proceso. No
BNG estimamos que debemos recibir 12.600 millóns pero moito nos tememos que a
cantidade será moito menor e que vai acabar nas mans dun puñado de
multinacionais. Moito me temo que se vai perder unha oportunidade de sentar as
bases dun novo modelo económico sustentable baseado na ciencia e na
investigación”, argumentou.
Pontón lamentou
que o xefe do Executivo evitase concretar nada en relación aos fondos europeos
optando por consumir o seu turno en ataques: “non se trata de vir á sesión de
control a descualificar á portavoz do Bloque, trátase de defender os intereses
do País, exerza de presidente e evite un fiasco
monumental para Galiza”, recalcou, tras poñer como exemplo que nos fondos
COVID transferidos polo Estado, perdéronse 289 M€ que correspondería só por
porcentaxe de poboación.
“E isto é así
porque non foi capaz de negociar unha distribución que non discrimine aos
galegos e as galegas, como a taxa de desemprego
sen ter en conta a sangría da emigración; como o PIB por habitante que ignora o
efecto estatístico, porque non é que sexamos máis ricos, senón que somos menos
a repartir porque hai 200.000 mozos e mozas que colleron as maletas. E até se
computou como criterio as viaxes en metro ou en tranvía, que até onde eu sei
non existen en Galiza, e xa só faltaba que tamén se valorase a caída das viaxes
en AVE”.
Pontón ironizou sobre o empeño de Feixóo en reprocharlle ao BNG o acordo
co PSOE, “grazas ao cal os galegos e as galegas van ter unha rebaixa histórica
das peaxes da AP-9, así que é perfectamente comprensible que lle sirvamos de
inspiración”. E si, indicou, “votamos a favor do goberno de Pedro Sánchez
porque a alternativa era PP e VOX”, recalcou. Igualmente, a líder nacionalista fíxose eco da boa sintonía que o
Executivo central presume de ter co presidente galego.
“Quen
está encantado é o Goberno de Sánchez porque con vostede na Xunta sáenlle
gratis todas as discriminacións con Galiza, porque só se pon gallito cando se trata de defender os
intereses de ENCE aínda que sexa a costa de seguir contaminando a Ría de
Pontevedra, pero é incapaz de defender os intereses do País nunha cuestión
clave como o reparto dos fondos Next
Generation”, concluíu. Departamento de comunicación