El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA

Máis de mil persoas participan na manifestación de Vía Galega co lema "Galiza nación, un pobo con dereitos"

18-04-2021 20:58:41
Manifestación de Vía Galega.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | A manifestación co lema “Galiza nación, un pobo con dereitos”, convocada pola Plataforma Vía Galega, congregou máis de 1.000 persoas procedentes de todo o país que percorreron as rúas de Compostela, coas medidas de prevención da pandemia necesarias, para reclamaren o dereito á autodeterminación e a construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade.

A mobilización, que rematou na praza da Quintana cun acto final conducido pola actriz Isabel Risco e música interpretada por Jasper e Rodrigo Ramos, contou coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e coa lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez. Ao remate interpretouse o himno galego.

Así, María Xosé Bravo lembrou os inicios de Vía Galega en 2018 que, tres anos despois, é quen de xuntar e de organizar máis de 65 asociacións “que partillan que Galiza é unha nación, que temos dereitos como pobo e que debemos facer ouvir a nosa voz para construír unha república galega soberana, democrática feminista”.

Fronte aos mecanismos de desprestixio deste país, de que Galiza é un país pobre e subsidiado polo Estado, Vía Galega “pon as contas claras” porque este é “un pobo rico cheo de xente traballadora que quere vivir do seu traballo e queremos responsabilizarnos”. Deste xeito, a portavoz reclamou ferramentas como “a posta en marcha dunha Facenda Galega”, como instrumento esencial do novo modelo de financiamento; dunha Tarifa Eléctrica Galega que baixe o prezo da enerxía e considere a electricidade como ben básico para a poboación; a recuperación das concesións dos encoros, en moitos casos outorgadas durante o franquismo; e unha verdadeira política de reindustrialización.

Fixo alusión tamén ao problema demográfico agudizado pola sangría da emigración “que afectou 100.000 mozos e mozas desde a chegada de Feijóo ao Goberno da Xunta” e á necesidade de “defender nós os nosos intereses como a participación directa de Galiza na reforma da Política Pesqueira Común e na Política Agraria Común”, advertiu.

“E fronte a eses que din que as nacionalistas non facemos máis que queixármonos e pedir, nós somos moi claras, moi rotundas: non pedimos nada a Madrid só queremos buscar nós as solucións para os nosos problemas, só queremos vivir do noso traballo”, explicou. “Non queremos roubarlle nada a ninguén mais tamén temos o dereito a esixir que ninguén entorpeza o noso camiño, que ninguén nos roube o futuro”.


Modificacións na estrutura territorial do Estado

“No conxunto do Estado español dáse o debate sobre o recoñecemento da existencia de distintas nacións e dos dereitos colectivos e máis cedo que tarde vai haber modificacións na estrutura territorial do Estado e Galiza ten que estar aí”, afirmou.

Sobre a celebración do 40º aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, María Xosé Bravo destacou que é “un corsé que nos impide resolver os problemas do presente, e non vai ser con reformas desa ferramenta como atopemos as respostas que este país precisa”.

Pola súa parte, a actriz e comunicadora Neves Rodríguez destacou que Galiza é unha nación porque reúne todos os trazos que conforman unha unidade nacional. “O propio Castelao, no Sempre en Galiza, amósanos a condición nacional de Galiza, por ter idioma propio, territorio diferente, unha vida económica peculiar coa súa estrutura social diferenciada, hábitos psicolóxicos colectivos e unha cultura de seu”, explicou. “Como pobo temos dereito a autodeterminación, a decidir o noso futuro como galegas e galegos”, engadiu.


Decidir o noso futuro é imprescindíbel para impedir o espolio”

O escritor Suso de Toro emprazou a “decidir o noso futuro”, pois tórnase “imprescindíbel para impedir o espolio e dispoñer dos nosos recursos e enerxía; para paralizar a eucaliptización do país e a contaminación do noso medio”. A soberanía tamén é necesaria para poder combater con maior eficacia esta pandemia, para dispoñer do noso aforro, para dotármonos dun sistema financeiro público e propio, para gozar duns servizos públicos de calidade e para desenvolver a nosa base produtiva e os sectores estratéxicos da nosa economía, sinalou.

“Só con plena soberanía política, a riqueza, o excedente que xeramos e as grandes potencialidades do país estarán ao servizo de todos galegos e galegas”, explicou o escritor. “Temos dereito e queremos responsabilizármonos do noso futuro como pobo para conseguir maior benestar social, rematar coa emigración, crear emprego digno e normalizar a nosa lingua e cultura”. “En definitiva, para termos unha Galiza para construír unha sociedade libre, máis democrática, xusta e igualitaria”, concluíu. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias