SANTIAGO DE COMPOSTELA | O segundo cumio galego-portugués entre o Bloque
Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda conclúe coa sinatura da Carta do Porto, un paso máis nesta alianza atlántica fronte ao
centralismo, -tanto do Estado español como de Portugal-, unha alianza en
defensa dun deseño de infraestruturas e investimentos que permita a cohesión
territorial e faga de contrapeso fronte a unha visión centralista que escora
cara o Mediterráneo.
“Galiza e Portugal temos intereses comúns e por
iso apostamos por unha cooperación intelixente que nos permita avanzar en
ámbitos que son clave a un lado e outro da raia”, sintetizou a líder do BNG, Ana
Pontón, acompañada na comparecencia pola súa homólogo no Bloco, Carolina
Martíns. Uns ámbitos que a portavoz nacional sintetizou nos tres principais
asuntos abordados no encontro.
As
conexións ferroviarias, en particular a saída sur de Vigo e o Corredor
Atlántico; a mobilidade transfronteiriza a un lado e outro do Miño, -a parte
máis dinámica dos 1.200 quilómetros de fronteira-; e as relacións culturais e
lingüísticas, a través do desenvolvemento da Lei Paz Andrade.
En
relación ás infraestruturas, “a clave está na modernización ferroviaria con
tres proxectos estratéxicos para a mobilidade de persoas e para a
competitividade das empresas”, indicou Pontón, con tres actuacións
fundamentais.
A
primeira é a conexión Vigo-Porto con velocidade alta, -o que se coñece como saída
sur de Vigo-, que permitiría tecer unha gran área metropolitana entre ambas
cidades. A segunda, o Corredor Atlántico de Mercadorías: que debe conectar
Galiza e Portugal co resto de Europa, “e non pode ser menos que o Corredor
Mediterráneo, nin imos permitir dúas velocidades”, subliñou. E por último, o Eixo Atlántico de Mercadorías
Ferrol-Sines: é dicir, conectar de norte a sur Galiza e Portugal, facilitando
un dinamismo económico e social sen precedentes en beneficio de ambos.
“En definitiva, o impulso dun gran
eixo ferroviario atlántico que conecte todas as cidades desde Ferrol a
Sines, tanto para a mobilidade de
persoas como para o transporte de mercadoría, un proxecto estratéxico para a
vertebración territorial, o desenvolvemento económico e a xeración de
oportunidades e traballo nos nosos países”, explicou Pontón.
Neste sentido, a posición é clara: “queremos
impulsar unha gran fronte política, social, institucional, económica en defensa
desta infraestrutura, como contrapeso ao deseño centralista do estado español e
a priorización do eixo mediterráneo”, sintetizou a portavoz nacional do Bloque.
Mobilidade de milleiros de traballadores
O
segundo gran tema foi a mobilidade transfronteiriza, “moi afectada pola
pandemia dificultando a vida de miles de persoas que, sobre todo por razóns de
traballo, teñen que desprazarse cada día entre ambos territorios”, alegou. Neste
sentido, do cumio saen tres propostas concretas: impulsar unha carta ou
pasaporte de cidadanía transfronteiriza ante os Gobernos español e
portugués, destinada aos traballadores e traballadoras a un lado e outro da
fronteira, para facilitar a súa mobilidade e tamén para simplificar trámites
administrativos.
O
Bloque xa conseguiu o apoio do Parlamento galego que, de xeito unánime, aprobou
defender esta proposta esta proposta ante Madrid e Lisboa. E o Bloco manifestou
o compromiso de presentar a mesma demanda na Assembleia portuguesa.
E outras dúas actuacións máis neste
ámbito. Un estudo sobre o impacto económico do peche da raia que sexa a base
dun plan especial de compensacións para os sectores afectados e un investimento territorial integrado,
-mecanismo incluído da política de cohesión-, para a reactivación económica da
zona.
Oportunidades dunha lingua que falan 250 millóns de perosas
Finalmente,
no ámbito cultural e lingüístico, abordouse o nivel de aplicación da Lei Paz
Andrade para aproveitar a oportunidade de compartir unha lingua que falan 250
millóns de persoas en todo o mundo. Entre as propostas, intercambio de emisións
da televisión e radios públicas dos dous países, así como de programas e
producións audiovisuais e potenciar o coñecemento do portugués nos centros de
ensino.
“Só
un dato: Estremadura ten cinco veces máis estudantes portugueses que Galiza,
polo que é evidente que debemos reforzar a cooperación o fomento do intercambio
cultural”, salientou Pontón, quen considera moi positiva a proposta do Bloco de
levar ante a Comisión de Cultura do
Parlamento portugués o nivel de desenvolvemento da Lei Paz Andrade.
Este
cumio galego-portugués de Porto, despois do celebrado en Vigo en decembro, volverá ter continuidade cunha nova
cita en Lisboa en poucos meses para seguir avanzando nesta alianza atlantica
que ten como obxectivo “sumar a favor dos nosos respectivos pobos”, concluíu
Pontón.
No
encontro ao máximo nivel participou
pola parta galega, a portavoz parlamentaria en Bruxelas, Ana Miranda, o
deputado no Congreso, Nestor Rego, o deputado provincial responsable de
asuntos
transfronteirizos Uxío Benítez, a deputada e portavoz de Ordenación do
Territorio, Alexandra Fernández; a deputada e portavoz de Comercio,
Carmela
González e polo deputado e portavoz de Infraestruturas Luís Bará. Na
parte lusa,
ademais de Martíns, a deputada á Assembleia da República e integrante
da Comissao de Economía e Obras Públicas, Isabel Pires; o
deputado e presidente da Comissao de Ambiente, Energia e Ordenamento do
Territorio, José María Cardoso; e José
Soeiro, deputado e membro da Comissao de Trabalho e Segurança Social e
tamén
deputada Alexandra Vieira. Departamento de comunicación