VALDOVIÑO | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe
Valdoviño xunto ao seu alcalde, Alberto González, para abordar as
necesidades e problemáticas do municipio. Dende alí,
abordou tamén o certificado covid anunciado pola Xunta, para subliñar
que o goberno galego “pode emitir un certificado de vacinación para as
persoas que xa recibiron as dúas doses” pero advertiu de que “non pode
tentar, de xeito unilateral, que ese certificado sirva para que as
persoas se movan por Europa”. “As institucións europeas e estatais están
preparando o escenario xurídico para poder conseguir un pasaporte covid
que permita a mobilidade”, sinalou o líder do PSdeG.
Ao
fío disto, pediu á Xunta “que non se extralimite” novamente das súas
competencias, tendo en conta que o goberno galego “xa pegou un tropezón
cunha lei de saúde que vulnera os dereitos fundamentais” e dado que “non
pode tentar converter o certificado covid nun pasaporte para Europea
porque non existe base xurídica nin legal”.
“Máis
cogobernanza e colaboración, e menos propaganda e tensión na opinión
pública”, xa que “non soluciona nada”, sentenciou o máximo dirixente das
e dos socialistas galegos, quen instou a Feijóo a “colaborar” no
Consello Interterritorial e co goberno de España “para poder orientar o
pasaporte de mobilidade con dimensión española e Europea”.
Financiación para o SAF
“O
goberno da Xunta, que ten competencias en política social, dedica horas
ao SAF pero non as financia, o que acaba obrigando aos concellos a
asignar grandes cantidades de fondos a esta cuestión que non poden
dedicar a outras prioridades” sobre as que teñen competencias, lamentou o
líder das e dos socialistas galegos.
Así, ante as
“dificultades orzamentarias” que está a supor para os municipios ter que
financiar este servizo, Gonzalo Caballero urxiu á Xunta a que “ademais
de dar máis horas, as financie” cando ten as competencias en materia de
política social.
Valdoviño
No que atinxe ao concello de
Valdoviño, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos respaldou as
demandas en materia sanitaria que está a facer o municipio ao solicitar
un fortalecemento da atención primaria. Por iso, instou á Xunta a poñer
en funcionamento o centro de saúde en horario de tarde e a ofrecer o
servizo de matrona a diario.
No eido da educación, o
líder do PSdeG instou ao goberno galego a incrementar a capacidade dos
centros educativos do municipio e a abrir un instituto de educación
superior. Ademais, pediu “potenciar instalacións sociocomunitarias e
tamén na área deportiva” para que a veciñanza de Valdoviño poida
“practicar deporte nas mellores condicións”.
Finalmente,
Caballero puxo en valor a “magnífica xestión” do alcalde, Alberto
González, e do seu equipo de goberno, quen “ao longo destes meses tan
complicados teñen dado o mellor de si mesmos para facer unha boa xestión
no concello en momentos difíciles pola covid”.
Alberto González
Pola súa banda, o alcalde de
Valdoviño, Alberto González, agradeceu ao líder do PSdeG a súa visita
para coñecer “máis en profundidade” as necesidades da veciñanza “dun
concello pequeno e costeiro” en cuestións como política social,
educación, sanidade ou costas. Neste senso, González
instou ao goberno galego a “ampliar os fondos da Xunta para o SAF”: hai
que dotalo de financiación, de xeito que isto permita aos concellos
“abordar outras actuacións” que son da súa propia competencia.
Feira do Libro de Ferrol
A
continuación, Gonzalo Caballero desprazouse ata Ferrol para, en
compañía do alcalde, Ángel Mato, visitar a Feira do Libro, a única que
abriu as súas portas hoxe en Galicia. Así é que felicitou
ao alcalde e a todo o goberno local pola iniciativa e pola organización
do evento nas condicións requiridas a causa da pandemia.
Ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG requiriu á Xunta que “apoie
ao sector cultural galego e, especificamente, ao sector do libro” dadas
as dificultades que están atravesando nestes tempos de covid. Departamento de comunicación