SANTIAGO DE COMPOSTELA | O BNG vén de rexistrar no Parlamento galego unha emenda á totalidade ao proxecto de lei da Xunta para o recoñecemento da universidade privada impulsada por Afundación de Abanca por entender que “é innecesaria” dado que o sistema universitario galego “cumpre coas necesidades de titulación que hai no país”.
Así o explica o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, quen, fronte a un proxecto de lei que permitiría abrir as portas á universidade privada por primeira vez en Galiza, aposta por “afondar nunha mellora do financiamento do sistema universitario público e na mellora da investigación universitaria; nun financiamento, en definitiva, que permita unha universidade pública para todas e para todos os galegos”.
Neste sentido, a emenda presentada polo BNG advirte de que a denominada Universidad Intercontinental de la Empresa, lonxe de seguir o establecido pola Unesco para eliminar as discriminacións no acceso á educación superior, as consideracións económicas serán por primeira vez en Galiza o factor determinante para a selección do alumnado.
Así, Lourenzo recorda que, tal e como recolle a propia memoria de creación desta universidade, as matrículas oscilan arredor dos 10.000 euros para un máster universitario e arredor dos 8.000 euros para cada ano nos graos das titulacións, o que supón “loxicamente un impedimento para que aquelas familias máis desfavorecidas poidan acceder a este tipo de estudos”. “Un agravio para con todas aquelas persoas que, por dificultades económicas, se vexan no impedimento de poder acceder a eses títulos universitarios”, recalca.
Para o BNG, este proxecto de lei supón un novo ataque ao sistema público universitario e outro chanzo para favorecer a privatización da universidade galega, nun movemento por parte do Goberno do PP que afonda nun modelo ao servizo dos grandes intereses financeiros cun centro de formación superior concibido para as elites sociais que impide a cohesión social. Nesta liña, recorda que as tres universidades públicas xa manifestaron a súa oposición á creación deste centro e denunciaron a falta de transparencia no proceso de tramitación do anteproxecto de lei.
Así mesmo advirte de que na proposta formativa desta universidade privada non só se duplican moitas das titulacións existentes no sistema universitario galego, senón que ademais esquece por completo a investigación, un dos eixes apuntados -tamén na propia comisión de reactivación económica, social e cultural do Parlamento galego- para a impulsar a recuperación logo da pandemia.
Ante este escenario, o portavoz nacionalista de Educación avoga por unha universidade pública ben financiada, científica e onde “o acceso estea condicionado unicamente polos requisitos de igualdade, mérito e capacidade”. “No BNG creemos nunha universidade pública para todas e todos e por iso solicitaremos a devolución deste proxecto de lei ao Goberno”, conclúe. Departamento de comunicación