SANTIAGO DE COMPOSTELA | A pandemia sacou a luz con toda crueza
as deficiencias do modelo de residencias, pero os problemas xa existían
antes da COVID e teñen a súa orixe nun sistema de xestión privatizado en máis
do 80%, que sitúa o coidado das persoas maiores en dous extremos: o do negocio puro e duro ou o da caridade asistencial.
Un modelo no que as residencias ou ben están controladas por
fondos de capital que operan desde paraísos fiscais; ou ben están controladas
por entidades vinculadas á Igrexa católica. Exemplo do primeiro é DomusVi, -que con arredor de 5.000 prazas é a primeira
en Galiza-; e do segundo, a Fundación
San Rosendo e Hermanitas
de los Ancianos Desamparados, que xestionan arredor de 5.000 prazas.
Galiza dispón de arredor 20.000 prazas de residencias de maiores.
“É un problema de País e de nada serve ocultalo”, denunciou
a portavoz nacional, Ana Pontón, “temos un modelo de residencias privatizado
que se move entre dous extremos: o do negocio puro e duro e o da caridade
asistencial, un prestado por empresas controladas por fondos de capital que
mesmo operan desde paraísos fiscais e o outro por entidades vinculadas a Igrexa
católica”, sintetizou a líder do Bloque na súa comparecencia precisamente
diante dunha das residencias de DomusVi
en Santiago, é unha das máis impactadas pola COVID.
“DomusVi é un dos
grandes xigantes dese modelo que fai negocio coa atención ás persoas maiores, propiedade
dun fondo de capital británico, dun fondo dos Emiratos Árabes e dun
multimillonario francés. E opera desde o paraíso fiscal da Illa de Yersey”, explicou, “ mentres que a Fundación San Rosendo está en mans do Bispado de Ourense e Hermanitas de los Ancianos Desamparados
e dunha orde relixiosa fundada no século XIX. Este é o modelo na Galiza do
século XXI”.
Noutras
palabras, recalcou Pontón, “a atención ás persoas maiores non está en mans das
Administracións publicas, senón de empresas que buscan facer negocio e de
entidades de caridade asistencial. E este modelo fracasado é o que o BNG quere
cambiar, nin negocio puro e duro, nin caridade, o coidado das persoas maiores
debe ser un servizo público”, alegou, para quen sería “inmoral” que despois do
sucedido na pandemia se siga con este modelo “ou se leven a cabo simples cambios
cosméticos”.
Hai que
camiñar cara un cambio “radical” de
modelo, reclama Pontón, e nese sentido, o Bloque vai levar ao Parlamento unha
dobre proposta: primeira, que as sete residencias previstas nas grandes cidades
sexan de xestión integramente pública e, segunda, recuperar para o público, a
medida que venzan os contratos, a
xestión de todas as residencias que
sendo de titularidade pública, están en mans privadas.
“Somos
realistas e sabemos que non é posible reverter o actual modelo dun día para
outro, pero que haxa moito traballo por diante, non significa que non se poda
facer e unha da ensinanzas da pandemia e que non se pode deixar o coidado das
persoas maiores nin en mans de empresas que buscan o lucro, nin en mans de
entidades caritativas. Os dereitos fundamentais, como o de ter unha vellez
digna, deben garantilos as Administracións públicas a través de servizos
públicos”, sintetizou Pontón.
Ninguén
entendería, concluíu a líder nacionalista, “que a sanidade ou a educación
estivesen privatizas nun 85%, nos levaríamos as mans á cabeza, pero iso é o que
pasa co modelo de residencias e non é un problema de recursos senón sobre todo
como se distribúen e a quen van”. Tras a aprobación da Lei de Dependencia en 2007, o coidado das persoas maiores pasou a
ser o cuarto pilar do Estado de benestar, xunto coa sanidade, a educación e as
pensións. Departamento de comunicación