SANTIAGO DE COMPOSTELA | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no
pleno do Parlamento para esixir a Feijóo que “non aproveite a pandemia”
para impoñer “retrocesos democráticos” en Galicia, como tentou coa Lei
de saúde que vén de ser paralizada polo Tribunal Constitucional por
“romper a igualdade de dereitos e vulnerar competencias”.
Así
é que, á vista de que a Feijóo “freouno a Constitución” por utilizar o
“rodillo” da maioría parlamentaria para aprobar unha lei que “vulnera
dereitos e liberdades fundamentais dos galegos”, Gonzalo Caballero
apelou ao diálogo de cara á modificación desa norma.
“Vostede
di que habería que falar antes de denunciar, e eu estou de acordo. Pero
falar dende o principio: falar tamén antes de lexislar vulnerando
dereitos fundamentais e excedendo as competencias de Galicia”, recalcou o
máximo referente do PSdeG, e requiriu a Feijóo “vontade de diálogo”
para afrontar a reforma desa lei.
“Ten que decidir se
quere cooperar ou tensionar, se quere facilitar ou complicar, se quere
ser parte da solución ou seguir xerando problemas”, reflexionou Gonzalo
Caballero, antes de “tender a man” para volver ao marco constitucional.
“Porque cometeu un exceso, extralimitouse”, reprobou, ao recordar
preceptos da lei como a vacinación obrigatoria.
Ao fío
diso, contrastou “a falsa liberdade” da que fala Ayuso -“porque sen
igualdade non hai liberdade”- coa restrición de dereitos e liberdades
protagonizada polo intento de “buscar protagonismo” por parte de Feijóo.
“A min non me gustaría que gañase Ayuso en Madrid, pero seguro que a
vostede menos”, ironizou o líder dos socialistas de Galicia.
Desescalada
En
relación coa posición do PP sobre a desescalada, Gonzalo Caballero
reclamou a Feijóo a súa posición con respecto ao mantemento do estado de
alarma, ao que agora apela logo de opoñerse e de consideralo
“demoledor” para o país. En todo caso, ofreceu diálogo porque “o que nos preocupa aos cidadáns é saír desta crise con fortaleza”.
Así, subliñou que hai que actuar en tres grandes liñas: en primeiro
lugar, deseñando unha desescalada “gradual, progresiva” que “evite unha
cuarta onda” da covid; en segundo termo, fortalecendo o proceso de vacinación e reforzando a sanidade pública;
e, finalmente, impulsando a reactivación económica trala pandemia.
“Tendemos a man para sacar Galicia adiante en cada un destes tres
aspectos”, afirmou, antes de receitar “vacinas, vacinas, vacinas” e
“sanidade pública, sanidade pública, sanidade pública”.
Ourense
Dentro
dos “tics autoritarios” que está amosando Feijóo, Gonzalo Caballero
aludiu tamén á situación de Ourense, coa “posición antidemocrática do PP
de tentar retirar da vida política a quen gañou as eleccións”, Rafael
Rodríguez Villarino. “Vostede creou un problema cun pacto
letal para manter o caciquismo de Baltar e agora di que os ourensáns
teñen que rectificar o seu voto, que xa lles di o PP quen ten que ser o
alcalde”, denunciou o xefe de filas do PSdeG. Departamento de comunicación