MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego,
mantivo unha xuntanza con representación sindical da comarca da Mariña e
representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) onde puxeron en
común a necesidade e vantaxes da creación dunha Autoridade Portuaria en San
Cibrao e da apertura ao tráfico comercial o dique norte de Morás. A esta
reunión tamén acudiron o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Daniel
Castro, a responsábel comarcal da Mariña, Ana Ermida, e os voceiros municipais
do BNG en Cervo e Xove.
A pesar de que en 2002 foi
creada a Provincia Marítima de Lugo e da importancia do Porto de San Cibrao
dentro da comarca da Mariña, a día de hoxe, a costa lucense continúa sen posuír
unha Autoridade Portuaria propia. A xestión e ordenación destes recursos desde
a propia comarca repercutiría de forma moi positiva e favorecería o
desenvolvemento económico, pois todos os recursos que xera xa agora mesmo o
Porto de Alcoa poderían ser investidos alí onde se producen.
“Existen sobrados
motivos, ademais dos de índole económica, que avalan a necesidade de crear unha
Autoridade Portuaria propia en San Cibrao, segregándoa da de Ferrol, pois
permitiría unha mellor xestión e ordenación do territorio e a planificación das
infraestruturas de forma autocentrada. O que se recada no porto utilizado por
Alcoa podería reverter na comarca directamente e así como tamén os eventuais
beneficios que se xeren despois da apertura do dique norte” explicou o deputado
do BNG no Congreso, Néstor Rego.
En palabras do deputado nacionalista “debe ser
acometida a liberalización do denominado dique norte de Morás e situar a fronte
da xestión e administración desta infraestrutura unha autoridade portuaria
propia, un factor decisivo para o seu mellor aproveitamento”. O Porto de San Cibrao
é o de maior calado da Mariña e con esta actuación optimizaríanse as súas
instalacións portuarias ao permitir levar a cabo unha actividade comercial
portuaria independente e mesmo complementaria á que na actualidade se
desenvolve por Alcoa. A multinacional está a explotar só o dique sur rematando
a concesión no 2023, polo que sería perfectamente factíbel liberar o dique
norte e utilizalo para o tránsito comercial”. Esta acción “permitiría habilitar
un porto de atracada de 240 metros de lonxitude para buques de ata 222 metros
de eslora e 11,5 metros de calado e a utilización de 50 mil metros cadrados de
explanada portuaria”.
“A
utilización da zona portuaria agora en desuso traería consigo unha maior
dinamización socioeconómica de toda A Mariña e de toda a súa área de
influencia. Trátase dunha actuación máis necesaria que nunca frente a incerteza
do futuro industrial da comarca e que permitiría que os beneficios xerados no
Porto de San Cibrao revertan directamente nese territorio” salientou Rego. Esta
iniciativa, segundo explicou o deputado no Congreso, tamén se debaterá no
Parlamento de Galiza o vindeiro 7 de maio a través do deputado mariñán do BNG,
Daniel Castro, asistente a esta xuntanza.
Así mesmo,
paralelamente e mentres que non se constitúa a Autoridade Portuaria de San
Cibrao, tense que “dar as instrucións precisas para que se proceda a unha
redistribución dos ingresos obtidos a través do Porto de san Cibrao de modo que
os mesmos revertan en beneficio da costa lucense”. Os datos publicados pola Autoridade Portuaria de
Ferrol – San Cibrao reflicten que, aínda que recada anualmente uns 10 millóns
de euros aproximadamente no Porto de Morás (San Cibrao), “o organismo estatal
non chega a investir nos portos de Lugo, nin no de San Cibrao nin no conxunto
da comarca da Mariña o 5% do recadado” recriminou Rego.
Intervención pública de Alcoa
Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor
Rego, visitou a planta de Alcoa en San Cibrao para manter unha reunión co
comité de empresa precisamente no momento en que se vai cumprir o prazo
prefixado de negociacións para a venda da planta sen que haxa unha solución que
evite o fechamento da factoría.
Neste sentido o deputado do BNG anunciou que o próximo
martes 11 será debatida unha proposición non de lei para instar novamente o
Goberno á intervención pública na planta como única vía que pode garantir o
mantemento da actividade e a preservación dos postos de traballo tanto na en
Alcoa coma nas industrias auxiliares. Esta nova proposta oriéntase a dar
cumprimento á resolución xa aprobada no Congreso neste sentido no seu día. Departamento de comunicación