CERVO | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu hoxe ata Cervo na compañía de alcaldes e voceiros municipais socialistas na Mariña para manter unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa San Cibrao.
“Temos que manter a alianza entre as diferentes administracións e os traballadores, e non baixar a garda, para acadar unha solución industrial e manter a produción de aluminio e o emprego”, sinalou o líder do PSdeG, quen incidiu en que o sector do aluminio primario “é estratéxico para o futuro do país”.
Neste sentido, apelou a “manter a cooperación e a colaboración para que o avanzado non se perda” e instou a “manter a presión sobre a empresa entre axentes políticos e institucións” para acadar a venta da planta mariñá. “Temos que seguir avanzando da man dos traballadores, temos que seguir presionando”, remarcou.
Así, malia que “Alcoa quería pechar a planta e imposibilitar un futuro para a mesma”, destacou Gonzalo Caballero, quen resaltou que, nunha primeira etapa, “gañámoslle un pulso á multinacional a través dun proceso xudicial e conseguimos que a SEPI estea aberta a intervir para facilitar a venta”. “Temos que apostar polo mellor inversor e proxecto que poida dar futuro á planta”, subliñou.
De feito, Gonzalo Caballero lembrou que este proceso xudicial aberto “impide que hoxe Alcoa poida pechar a planta”, o que supuxo “un avance que se fixo da man dos traballadores e do goberno de España”, pero o máis importante é acadar unha solución definitiva.
Con todo, o líder das e dos socialistas galegos trasladou aos traballadores “o meu compromiso para seguir remando e traballando xunto ás administracións na busca dunha solución que ten que chegar o máis pronto posible”.
“Preocúpame moito a situación de inquedanza na que viven os traballadores”, sinalou Gonzalo Caballero, por iso, “dende o PSdeG comprometémonos a traballar da man dos traballadores de Alcoa nunha saída na que consigamos, coa intervención da SEPI, un inversor fiable” cun proxecto que dea “futuro, viabilidade e manteña o emprego”.
José Antonio Zan
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, agradeceu a visita á fábrica do líder das e dos socialistas galegos, a quen lle expresou tanto a problemática como a situación de preocupación que están a vivir os traballadores. “Necesitamos unha empresa industrial cun proxecto enerxético potente que non dea problemas nos próximos 10 anos”, explicou Zan, quen apuntou que contar coa SEPI na negociación ofrece “garantías” tanto aos traballadores como ao futuro empresarial.
Na xuntanza co comité de empresa, ademais de Gonzalo Caballero, participaron os alcaldes e alcaldesas de Viveiro, Burela, Foz, Trabada, A Pontenova e Alfoz, así como os voceiros socialistas da comarca da Mariña, o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, a secretaria provincial do PSdeG en Lugo, Patricia Otero, e o voceiro de Industria do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Martín Seco. Departamento de comunicación