SANTIAGO DE COMPOSTELA | O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, empregará a
próxima sesión de control ao presidente da Xunta para poñelo fronte ao
espello da falla de proxecto e de medidas concretas para reactivar a
economía e o emprego. Así o anunciou o viceportavoz socialista, Pablo
Arangüena, logo da Xunta de Portavoces na que acusou á Xunta de “estafa á
cidadanía” ao pretender empregar os fondos comunitarios para proxectos
xa en marcha.
Arangüena explicou que as normas
comunitarias impiden financiar proxectos en marcha, precisamente o que
fai o goberno galego no listado de 10 páxinas de proxectos públicos
presentados na Comisión de Reactivación –os privados foron omitidos- que
“non encaixan nos fondos Next Generation UE”. Acusou ao goberno galego
de “aparentar que se vai facer” cando inclúen proxectos á marxe da
normativa.
Sinalou que o goberno galego incorpora a estas
partidas a ampliación do CHUAC por 296 millóns de euros dun proxecto xa
orzamentado que terá un custe total de 400 millóns de euros. Lamentou
que o goberno galego pretenda cadrar as contas a costa da crise, como
fixeron cos 735 millóns de euros para gastos extraordinarios da pandemia
entregados polo Estado, mentres o goberno galego recoñeceu un gasto de
629 millóns, 106 menos dos que recibiron.
Arangüena criticou que o goberno galego teña presentado unha
sociedade público–privada para xestionar os fondos comunitarios cun 50
por cento de capital privado, onde o goberno galego deixa o control en
mans dunha entidade financeira. Dixo que Feijóo “recoñece que os
departamentos económicos da Xunta non funcionan”, e preguntou “para que
serve o Igape”, que é o encargado da promoción económica, ou “para que
serve a propia Consellería de Economía”.
Esixiulle ao
presidente da Xunta que “rectifique” e “reconfigure” o este órgano para
darlle cabida ademais á presenza feminina, por canto “hai cero
mulleres”, demostrando unha “mentalidade machista máis propia do Século
XIX”. O próximo Pleno do Parlamento incluirá unha interpelación sobre a
falla de políticas activas de emprego por parte do goberno galego, que
deixa sistematicamente sen executar a metade dos fondos que ten
orzamentado neste sentido.
Residencias de maiores
O
responsable socialista explicou que o próximo Pleno incluirá ademais
unha moción socialista diante do “descontrol” as residencias de maiores
de Galicia, cun 90 por cento en mans da xestión privada a pesares da
falla de control por parte do goberno galego. Os socialista galegos
reclaman os datos de persoas falecidas por residencia que o goberno
galego está a agochar dende o comezo da pandemia.
Arangüena lembrou que teñen falecido 2.000 persoas só no caso da
cadea de centros de maiores DomusVi, que é dirixida por unha conselleira
delegada “amiga de Feijóo e xa vacinada de forma irregular sen ter
dereito a facelo”. Criticou que “fai o que lle da a gana”, como
demostrou na súa polémica comparecencia na Comisión de Reactivación do
Parlamento, onde “viu a rirse de todos nós co amparo do PP”, e ratificar
sen rubor que querían “facer diñeiro coidando dos maiores”.
O
Grupo Socialista presentará ademais unha proposición non de Lei para
reclamar a intervención do goberno galego para evitar a exclusión
bancaria provocada pola reestruturación e concentración bancaria. Tamén
presentarán unha proposta para esixir o reparto obxectivo de subvencións
aos concellos fronte ao “manexo caciquil de fondos públicos” por parte
do Executivo autonómico, cun “sesgo político evidente”.
Tamén
preguntarán pola problemática de vacinacións nas mutuas privadas, pola
efectividade da implantación dos códigos QR na hostalería como medida
para detectar novos gromos de covid – 19, e as medidas previstas pola
Xunta para evitar a retirada do mobiliario do Pazo de Meirás por parte
da familia Franco. Departamento de comunicación