MADRID | O BNG
rexistra unha iniciativa no Congreso para exixir ao Goberno que dea completa
información sobre o contido das “reformas” incluídas no Plan de Rescate que na
pasada sexta feira, 30 de abril, enviou a Bruxelas. O deputado nacionalista,
Néstor Rego, denuncia que até agora o Goberno só “vendeu” os aspectos do Plan
que teñen a ver cos investimentos, mais oculta as medidas que a UE reclama para
liberar os fondos e que previsibelmente afectarán as pensións, as condicións
laborais e a política tributaria, entre outros.
Rego denuncia unha actitude do Goberno, que
considera inadmisíbel, de ocultación de información ao Congreso e ao conxunto
da sociedade. “É absolutamente inaceptábel que se furte a posibilidade de
debater, coñecer e estabelecer posición sobre asuntos que van afectar de
maneira importante a vida das persoas, especialmente das clases populares do
noso País, da Galiza”.
O deputado nacionalista salienta que até agora o
Goberno só informou dos aspectos que considera ‘positivos’, especialmente dos
obxectivos de investimento dos fondos europeos, mais actúa con absoluta falta
de transparencia no que ten a ver con aqueles que, con certeza, serán peor
recibidos pola cidadanía. “O BNG sempre alertou de que, contra o que nos
dicían, os fondos europeos eran condicionados. Hoxe xa está constatado que así
é, mais continúan ocultando cales son as ‘reformas’ que Bruxelas exixe para
liberalos, o que confirma que se tratará de novos recortes e sacrificios
sociais”, subliña Rego.
De facto, algúns datos que se van coñecendo
apuntan nesa dirección. Por exemplo, o que o propio Ministro Escrivá avanzou na
Comisión de Traballo e Seguranza Social do Congreso en relación coas pensións
ou a pretensión de eliminar a dedución na tributación conxunta do IRPF. “A
pesar de seren explicacións moi xenéricas, os datos avanzados por José Luís
Escrivá confirman que existe a intención de proceder a un novo recorte das
pensións, especialmente pola vía de incrementar o período de cómputo a 35 anos,
de penalizar as xubilacións anticipadas e de ‘incentivar’ a permanencia no
mercado laboral para alén da idade legal da xubilación”, destaca Néstor Rego.
Para o deputado nacionalista, e a teor de
declaracións efectuadas por responsábeis europeos, nunha liña similar poderán
decorrer as políticas laborais ou tributarias. “A UE xa advertiu que non
correspondía derrogar as reformas laborais de PSOE e PP e as últimas
declaracións da Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, no sentido de que as súas
propostas de mudanza ‘gustaban moito’ en Bruxelas fan temer o peor. De facto, é
significativo que o Goberno non cumprise aínda o compromiso -que era tanto de
Podemos como do PSOE- de derrogar a reforma laboral do Partido Popular”,
sinala.
O BNG leva meses reclamando transparencia ao
Goberno sobre a condicionalidade dos fondos e as exixencias da UE. “Fixémolo
aínda na última comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso que, a pesar de ser
sobre os fondos europeos, non serviu para coñecer absolutamente nada sobre os
plans de ‘reforma’ do Goberno” -subliña o deputado. “Iso si, tamén advertimos
de que toda a reforma administrativa que se produciu para a xestión destes
recursos públicos se orienta a favorecer as grandes empresas -incluídas as do
IBEX 35- en vez de priorizar os investimentos públicos e o interese social.
Máis unha vez, lamentabelmente veremos como gaña a burguesía e a oligarquía
española e perden as clases populares e os pobos”.
En todo o caso, o BNG exixe que sexa dado a
coñecer xa o contido completo do Plan entregado en Bruxelas. “Só desa maneira
as forzas políticas e o conxunto da sociedade poderemos formar unha opinión e
unha posición documentada sobre aspectos que, sen dúbida, van afectar as
condicións de vida das maiorías sociais da Galiza e do Estado”, conclúe Néstor
Rego. Departamento de comunicación