El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

GALICIA | PESCA

O BNG esixe á Xunta e ao Goberno que defendan o sector pesqueiro e marisqueiro galego en Bruxelas

06-05-2021 13:02:18
Ana Miranda (c), portavoz do BNG en Europa.

VIGO | Defender “sen fisuras” o sector pesqueiro artesanal e marisqueiro galego é o obxectivo prioritario da ofensiva que está levando a cabo o BNG fronte á aplicación do Regulamento de Control da Pesca da UE, segundo subliñou a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, quen xunto as deputadas Rosana Pérez e Carmela González, e o portavoz municipal Xabier Pérez Igrexas, protagonizaron unha acción de protesta diante da sede en Vigo da Axencia Europea de Control da Pesca. 

“Imos seguir dando a batalla tanto aquí como en Bruxelas para que o sector galego quede excluído do Regulamento de Control da Pesca comunitario, porque é crucial para o país e para o sector pesqueiro”, subliñou Ana Miranda, quen indicou que aínda é posible modificar ese regulamento para a pesca artesanal e expresou o apoio do BNG ao paro convocado polo sector para o vindeiro 14 de maio.

A portavoz nacionalista en Bruxelas indicou que a pretendida aplicación en Galicia deste novo regulamento supón un “completo descoñecemento” do sector da pesca artesanal galega e da pesca nas rías por parte da Comisión Europea, así como moi lesivo para a frota. “Por iso estamos diante da Axencia Europea de Control da Pesca, que demostra que é allea a pesca galega”, salientou. 

A deputada Rosana Pérez, ademais de incidir neste descoñecemento, por parte da UE, destacou a aprobación unánime, -onte, no Parlamento Galego-, da proposición non de lei que insta á Xunta a demandar do Estado español e da UE que a actividade marisqueira sexa excluída do novo Regulamento de Control comunitario. “É unha gran nova a aprobación unánime desta proposta, pero agora hai que pasar das palabras aos feitos”, salientou a deputada, quen criticou que na Eurocámara PP e PSOE votaran hai un mes a favor do regulamento. 


Sector máis vixiado de Europa 

A deputada nacionalista explicou que a actividade de pesca de baixura e artesanal, así como a marisqueira é o sector de pesca “máis vixiado e controlado de toda Europa”, en tanto que a pesca artesanal está suxeita a cotas máximas de capturas, puntos de control e vixilancia dos bancos marisqueiros. En concreto, os bancos marisqueiros están delimitados por especie e son sometidos a controis científicos, polo que é un sector que conta con medidas de supervisión, inspección e vixilancia que garanten a súa sostibilidade.

Por este motivo o Bloque coincide coas confrarías galegas ao considerar que aumentar os controis é “innecesario”, e defende que Galiza debe exercer as súas competencias rexeitando os controis por parte doutras administracións. Precisamente o BNG leva meses manifestando a súa oposición á obrigatoriedade de que todas as embarcacións de máis de catro metros teñan que estar xeolocalizadas e á instalación de cámaras a bordo para controlar a obriga do desembarque das capturas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias