El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

GALICIA | PESCA

O BNG apoia o paro da frota galega

O do vindeiro venres contra a imposición do Regulamento de Control da pesca da UE.

12-05-2021 12:53:02
Ana Miranda (c), portavoz do BNG en Europa.

VIGO | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada Rosana Pérez, expresan o total apoio do Bloque ao paro da frota galega e o marisqueo a pé convocado pola Federación Galega de Confrarías para este venres, 14 de maio, ás 12 horas, contra a imposición do regulamento de control da actividade pesqueira da UE. “Concordamos coas confrarías galegas ao considerar que aumentar os controis é innecesario”, salientan as nacionalistas.

“Os nosos sectores pesqueiro e marisqueiro teñen unhas singularidades que deben ser respectadas na Unión Europea, polo que defendemos que deben quedar excluídos do Regulamento de Control da Pesca comunitario”, subliña a portavoz do Bloque en Bruxelas, quen avanza que as deputadas nacionalistas participarán nas concentracións convocadas nos diversos portos galegos “para apoiar as súas demandas e reivindicacións”. 

Neste sentido, segundo apunta Ana Miranda, “aínda queda unha última oportunidade de modificar o regulamento europeo e así evitar a discriminación destes sectores primordiais para a economía galega e corrixir o descoñecemento que vén demostrando a UE sobre a pesca artesanal galega desde hai décadas”. Para Miranda, non só se trata de descoñecemento por parte da UE sobre a singularidade galega, senón tamén de cinismo e hipocrisía por parte de PP e PSOE, que non defenderon ao sector na Eurocámara votando a favor do regulamento en Bruxelas e apoiando propostas contrarias no Parlamento galego, como a aprobada hai dúas semanas para que a Xunta reclame ao Estado que a actividade marisqueira sexa excluída do novo Regulamento de Control comunitario.


Mantemento do emprego  

“Son un absoluto disparate as obrigas que a UE pretende impoñerlles ás embarcacións”, cualifica a deputada Rosana Pérez, en referencia á obrigatoriedade de que todas as embarcacións de máis de catro metros teñan que estar xeolocalizadas e á instalación de cámaras a bordo para controlar a obriga do desembarque das capturas. A xuízo da deputada nacionalista, “é hora de que a Unión Europea se deixe de impoñer máis controis e máis vixilancia a unha frota que xa está hipervixilada pero siga sen resolver os principais problemas da frota pesqueira galega”. Neste sentido critica que a actividade de pesca de baixura e artesanal, así como a marisqueira é o sector de pesca “máis vixiado e controlado de toda Europa”, posto que a pesca artesanal está suxeita a cotas máximas de capturas, puntos de control e vixilancia dos bancos marisqueiros. En concreto, os bancos marisqueiros están delimitados por especie e son sometidos a controis científicos, de maneira que é un sector que conta con medidas de supervisión, inspección e vixilancia que garanten a súa sostibilidade.

Pola contra, Rosana Pérez considera que a UE debe poñerse a traballar xa para que as cotas nas distintas especies que pesca a nosa frota sexan cotas que leven ao mantemento da actividade pesqueira e non a reducir postos de traballo, “como vén acontecendo desde hai anos precisamente a consecuencia das normativas da Unión Europea”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias