SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, sumouse desde Ribeira ás mobilizacións convocadas en todo
o País pola frota de baixura en protesta polo regulamento de control pesqueiro
que ultima a Unión Europea incluíndo medidas que carecen de sentido cando se
trata da pesca artesanal, en particular cuestións
como a xeolocalización e a declaración telemática de capturas.
“Total apoio
a esta convocatoria e as reivindicacións da frota de baixura fronte a un
regulamento inxusto que establece máis controis sobre unha frota que está
hipercontrolada. Esta situación volve demostrarnos que desde a Unión Europea
non coñecen cal é a realidade do sector pesqueiro galego”, salientou a líder nacionalista.
O Bloque
considera que “aínda se está a tempo de modificar algunhas das cuestións máis
lesivas dese regulamente que non debería aplicarse á frota de baixura, xa moi
controlada, que necesita máis medios para realizar unha actividade pesqueira
sostible e esencial para o noso País”, argumentou Pontón.
Este
regulamento, denunciou, “fai inviable o funcionamento para moitas artes de
pesca en Galiza, implica un sobre control que non aporta nada porque o que
necesita a xente do mar é que a deixen traballar e non imposición de máis e
máis controis dunha frota xa moi
controlada. Por iso desde o BNG pedimos que se excepcione á frota de baixura da
aplicación deste regulamento porque carece de sentido”.
Pontón tamén
criticou a “hipocrisía” dun PP e dun PSOE que
en Bruxelas “votaron a favor deste regulamente”.
Antes de
participar na mobilización en Ribeira, a portavoz nacional, xunto coa portavoz
parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, e outros responsables locais e comarcais
do BNG, fixo unha visita á planta de JEALSA en Boiro, tras o incendio sufrido
fai uns días. Visita que aproveitou para
trasladar o apoio do Bloque, para poñer en valor a profesionalidade dos
servizos de extinción e para solicitar a máxima implicación de todas as partes
para que esta factoría recupere a normalidade canto antes.
“JEALSA é un
motor económico non só para a comarca do Barbanza senón para toda Galiza e, por
tanto, é necesario que teña todo o apoio das institucións para afrontar o
proceso de reconstrución e para fortalecer un sector básico como o da conservar
e, en particular, unha empresa emblemática da que depende tanto emprego”,
salientou Pontón, subliñando que o Bloque “ofrece toda a colaboración porque é
básica e aquí estamos falando tanto de liñas de crédito como de axudas directas
para os proxectos que ten definidos á dirección”.
Oportunidade para saír reforzada das cinzas
A portavoz do Bloque trasladou todo o apoio da
formación tanto á dirección como aos traballadores e traballadoras ante un
desastre que puido ser maior, como explican desde a empresa. “Están en
disposición de encarar o futuro con optimismo e pensamos que esta crise ten que
converterse nunha oportunidade que permita a JEALSA saír reforzada das cinzas
que deixan o incendio”, explicou tras o encontro coa representación da factoría
encabezada polo presidente da conserveira, Jesús Alonso Escurís.
Pontón tamén fixo un recoñecemento expreso aos
servizos de extinción “polo seu labor excepcional coa máxima rapidez e
profesionalidade evitando consecuencias maiores tras unhas imaxes que nos encolleron a todas”, indicou, tras indicar
que “se aprendeu dos erros doutras ocasións e se fixo un gran traballo que é necesario poñer
en valor”.
En
definitiva, concluíu, “decido apoio do BNG para que canto antes se poña a
funcionar un complexo que é un dos corazóns industriais da comarca, trasladando
ese apoio tanto á dirección como ao conxunto de traballadores e de
traballadoras, primeiras interesadas en retomar a normalidade”. Departamento de comunicación