MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra varias iniciativas
na cámara baixa co obxectivo de protexer a frota pesqueira galega urxindo o
Goberno a oporse ás medidas contempladas no Regulamento de Control da
Pesca da Comisión Europea e adoptar medidas alternativas dialogadas co sector. A formación nacionalista censura a obrigatoriedade de instalar cámaras a bordo,
imposición da xeolocalización e a obriga de levar un Diario Electrónico de
Pesca, por seren aspectos claramente lesivos para os intereses da frota galega
e o conxunto do sector no Estado.
A reforma do Regulamento
1224/2009 do Consello, do 20 de novembro de 2009, establece un réxime
comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política
pesqueira común. Esta aprobación, para a formación nacionalista, é “a penúltima
estocada ao sector pesqueiro galego e, concretamente, á súa frota artesanal”. O
regulamento era a única norma da Política Pesqueira Común (PPC) que estaba
pendente de actualización e é un dos instrumentos centrais para permitir a vixilancia
e a inspección das actividades pesqueiras nas augas comunitarias.
A modificación, que aínda non
entra en vigor até o vindeiro ano, obriga, entre outras cuestións, a incluír
cámaras a bordo dos barcos e impón a xeolocalización a buques de máis de catro
metros, así como levar un Diario Electrónico de Pesca (DEA) a bordo para todos
os barcos desas dimensións e notificar as súas capturas ao instante.
“A normativa volve ignorar
por completo a realidade da frota galega e a súa singularidade, sen atender ao
tamaño dos seus barcos, ás zonas onde habitualmente faenan, á duración das
mareas, ao modo de faenar ou á operativa de venda do produto obtido” enfatiza o
deputado do BNG. Galiza posúe preto de 4.000 barcos de artes menores, dos que a
inmensa maioría son de menos de doce metros de eslora e que desenvolven a súa
actividade maioritariamente a actividade dentro das rías do país.
“É un despropósito que o
único factor a ter en conta para encadrar a pesca en artesanal ou industrial
sexan os metros de eslora, desatendendo novamente as peticións do sector
pesqueiro galego que demanda incorporar tamén outros criterios como a distancia
do caladoiro, a duración máxima das mareas, a utilización de artes de pesca
sostibles ou o número máximo de tripulantes a bordo” apunta o deputado
nacionalista. Este Regulamento é, para a formación do BNG, unha “nova norma que
incide en presentar a todo un sector como sospeitoso permanente, como presunto
delincuente habitual e como depredador dos propios recursos que lle dan
sustento”.
A formación nacionalista reclama ao Goberno do
Estado a posicionarse publicamente en contra da reforma do Regulamento de
control da Pesca e mesmo que negocie unha maior dotación dos fondos europeos.
En concreto, axudas dos FEMPA para atender a eventual obrigatoriedade dos
mecanismos de control recollidos agora no Regulamento sen que se imputen a
partidas destinadas a outras necesidades do sector nin, en ningún caso, ao
propio sector.
Critican a interferencia no sentido do voto da euro cámara
Alén do máis, a organización
frentista recrimina o papel da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca
(DG MARE), organismo encargado de velar polos intereses da frota europea, ao
tentar interferir no sentido do voto por medio dunha “nota aclaratoria” que
criticaba a posición previa adoptada pola Comisión de Pesca e que trataba de
endurecer aínda máis a normativa. “As decisións adoptadas na UE en materia de
pesca supuxeron, de forma sistemática, non só a redución da frota e do número
de empregos no sector, senón tamén a desaparición paulatina dun modelo propio
de organización e funcionamento do sector en Galiza” asegura Rego.
Coa escusa de manter a actividade pesqueira e
contribuír á sustentabilidade ambiental, económica e social das comunidades
costeiras a longo prazo, a Política de Pesca Común “ignora precisamente a súa
escasa incidencia ambiental e á súa gran importancia como xeradora de emprego
nas poboacións costeiras das rexións altamente dependentes da pesca, como é o
caso de Galiza”.
Novas ameazas para o sector pesqueiro do país
Por outra banda, o deputado nacionalista alerta dun
novo prexuízo para o sector da pesca na Galiza tras o anuncio da supresión de
axudas ao gasóleo o que suporía duplicar o prezo do gasóleo para os buques.
Esta medida afectaría en maior medida aos barcos e frotas máis pequenas da
Galiza: “igual que a hiper regularización aplicada só beneficiou á gran pesca
industrial e a terceiros países, esta medida contribuirá ao deterioro do noso
sector pesqueiro e a ameaza a centos de postos de traballo no noso país”. Departamento de comunicación