SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, anunciou unha ofensiva política do BNG no Parlamento, no
Congreso e nos concellos contra a medida do Goberno do Estado de cobrar peaxes
por circular polas autovías, unha medida que tacha de antisocial,
discriminatoria, que só busca facer caixa e que prexudica especialmente a
Galicia pola súa condición periférica.
“O anuncio está
xerando unha gran preocupación e oposición social, tanto entre a cidadanía do
común, que ve con escándalo un novo sablazo
a unhas economías familiares moi debilitadas, como entre as empresas, porque a
medida afectaría de cheo a súa competitividade
en particular das que dependen das autovías para exportar os seus produtos”,
salientou Pontón.
O Bloque
traslada a súa total oposición a unha medida “que só ten afán recadador e que
ten como único beneficiario ás multinacionais da construción”, denunciou, de aí a ofensiva política que empezará cunha
proposición non de lei no próximo Pleno da Cámara “para conseguir unha
declaración unánime de Galiza ante esta medida”, que seguirá con mocións nos
concellos para trasladar o debate ao conxunto do País, e no Congreso, con
iniciativas para que o Goberno central retire esta medida.
Para a líder do
BNG, a proposta é especialmente negativa para Galiza por tres circunstancias: a
condición periférica, o menor nivel de renda da cidadanía e por un infra-desenvolvemento
das redes públicas de transporte por unha discriminación que fai que este País
careza de infraestruturas que outros territorios desfrutan dende fai décadas.
“O Goberno do
Estado ten unha débeda histórica con Galiza en infraestruturas”, subliñou
Pontón, ao que se suma o lastre de soportar peaxes elevadísimas en vías
estratéxicas como a AP9, mentres outras Autonomías contaban con autovías
gratuítas que lles daba vantaxe para avanzar no seu desenvolvemento. “Polo
tanto, o que debe facer o Executivo de Sánchez é aplicar dunha vez por todas as
rebaixas das peaxes da AP9 negociadas co BNG en lugar de idear novas formas de
penalizar a maioría social”.
A formación
nacionalista lembra que a medida foi deseñada por un Executivo do PP, que xa en
2012 e con Ana Pastor como ministra de Fomento levou o asunto á Comisión de
asuntos económicos do Goberno e que estimaba unha recadación superior aos 2.700
millóns de euros. “Agora é o PSOE quen colle o relevo e pretende aplicar unha
proposta lesiva para Galiza”, criticou Pontón, ademais esgrimindo argumentos
falaces.
Neste sentido,
denunciou, é falaz que sexa unha medida ecolóxica, “porque verde sería fomentar
o transporte colectivo, pero en Galiza vemos que, coa excepción do eixo A
Coruña-Vigo, hai un desmantelando progresivo dos servizos por tren”. É falaz
considerar que se trata dunha medida social, pois faille pagar aos
traballadores e traballadoras dúas veces polas mesma infraestrutura, unha a
través dos impostos e outra a través das peaxes.
E é falaz o
argumento de que quen usa paga, “porque se trasladamos esa premisa a outras infraestruturas
ou servizos públicos, as persoas que non teñen fillos poderían alegar que non
teñen que pagar as escolas infantís ou o sistema universitario porque non o van
usar”, alegou a portavoz do Bloque.
Segunda dose de AstraZéneca?
En relación ao proceso
de vacinación e preguntada polos medios, Pontón indicou que compartía a
“perplexidade” da maioría da poboación ante os bandazos e as incertezas xeradas
arredor da aplicación da segunda vacina ás persoas que recibiron AstraZéneca,
“tendo en conta que xa hai semanas que a Axencia Europea do Medicamento se
posicionou a favor de que se completase a pauta coa mesma vacina. A quen hai
que facerlle caso é aos estudos e as autoridades científicas que, neste ámbito,
ten como principal referente á EMA”.
“Hai que
acelerar o proceso de vacinación, deixarse de confusións e non facer disto un
debate político porque empezamos a ter a sensación de que tras este debate o
que se agocha é unha guerra entre farmacéuticas. A vacinación é o mellor e máis
seguro camiño para recuperar a normalidade canto antes”, declarou. Departamento de comunicación