SANTIAGO DE COMPOSTELA | A atención primaria xa estaba no chasis tras
unha década de recortes do Goberno do PP, pero a pandemia está servindo de
coartada para afondar no desmantelando da porta de entrada ao sistema público
de saúde. “Por primeira
vez na historia, hai listas de espera de até dúas semanas para ir ao médico de
cabeceira; por primeira non se garante a atención presencial nos centros de
saúde e por primeira vez o Goberno de Feixóo ataca xs profesionais
trasladándolle á cidadanía a falsa idea de que non están comprometidos para
darlles a atención necesaria o cal é gravísimo”, sintetizou a portavoz
nacional, Ana Pontón, tras a reunión mantida coa comisión de centros de atención primaria da
Área sanitaria de Santiago e Barbanza.
E para reverter
esta situación o que se precisa é cambiar os recortes por máis recursos. Neste
sentido, o BNG demanda que os 200 M€ de devolución do IVE se destinen
integramente a financiar un plan de reforzo urxente da atención primaria que,
pese a pandemia, ten 45 M€ menos dos que dispoñía en 2009. De feito, a nivel de
financiamento, xunto con este investimento adicional e urxente, o Bloque pon
unha segunda proposta sobre a mesa: destinar a atención primaria o 25% do
orzamento de sanidade, fronte ao 15% actual.
Pontón tamén
propón un plan de recursos humanos coa
finalidade de dotar aos centros de saúde do persoal necesario, tanto sanitario
como do resto de categorías, e xerencias propias con capacidade de decisión e
con orzamentos.
“O Goberno de Feixóo
converteu en norma que non se cubran as baixas, nin as vacacións, nin as
xubilacións e así temos os centros de saúde con persoal sanitario que traballa
de xeito precarizado no laboral e sobrecargado no asistencial”, denuncia a
líder nacionalista.
Unha atención
primaria con listas de espera é un contrasentido, alega Pontón, porque como o seu
propio nome indica é a primeira opción á que acudimos cando nos sentimos
enfermos. “Se te levantas con 40 de febre é obvio que queres ver de inmediato
ao médico de cabeceira. Se a resposta é que hai unha semana ou quince días de
lista de espera, a reacción é ir á privada as persoas que teñen recursos e
senón ao servizo de urxencias dun hospital”, subliñou.
Esa é a
realidade e o Goberno do PP no está facendo nada por solucionar un problema que
afecta directamente a saúde dos galegos e das galegas, critica, senón que é
parte do problema.
“Primaria é
clave para atender á saúde da poboación, desde a prevención, desde o
coñecemento do trato personalizado e directo porque a relación médica-paciente
é a base dunha boa atención, pero iso está roto. E é unha covardía inaceptable por
parte de Feixóo que use unha decisión do seu Goberno para enfrontar a
profesionais e doentes”, recriminou.
Por contra, o
Bloque pon en valor o “inmenso esforzo” de todo o persoal sanitario, antes e
despois da pandemia: “O que o se precisa e tratar á atención primaria como o
que realmente é, a alfaia do sistema sanitario e imos seguir traballar nesa
dirección”, concluíu, tras unha reunión cos profesionais no CHUS xunto coas
portavoces parlamentarias de sanidade, Montse Prado e Iría Carreira. Departamento de comunicación