MADRID | O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu durante o pleno do Congreso a
gratuidade das autovías polos efectos negativos que tería para as clases
populares e para os custos das actividades económicas na Galicia, que perderían
competitividade. Rego considera inaceptábel que, cando o Goberno do Estado aínda non cumpriu o
compromiso de baixar as portaxes da AP-9, anuncie que pretende implantalas nas
autovías.
A posibilidade de implantar peaxes en todas as autovías está a xerar unha
gran inquietude na Galiza polos efectos negativos que terían para as clases
populares e para os custos das actividades económicas, especialmente nun País
como a Galiza que ten unha localización xeográfica periférica na Península e en
Europa.
“Unha medida que o Goberno pretende vender como ‘verde’, para
‘desincentivar’ o uso do vehículo privado, representará realmente unha lousa
nun País como Galiza que non posúe transportes públicos adecuados nin unha rede
ferroviaria á altura das necesidades do século XXI, especialmente para o
transporte de mercadorías” enfatiza o deputado nacionalista en sede plenaria.
Así mesmo, Rego quixo deixar claro que “sen alternativas, non é unha medida
ecolóxica, é simplemente antisocial e antigalega”.
As peaxes, segundo sinala o deputado da frente nacionalista, van gravar as
clases populares e implicar un sobrecusto para as empresas galegas que
continuarían perdendo competitividade. Ademais, “terían o efecto de aumentar o
tránsito nas vías convencionais, xa en moitos casos colapsadas e onde se
producen a maioría dos accidentes con resultado de morte. Na Galiza
especialmente onde é difícil atopar un quilómetro de estrada sen casas ao
redor”.
“Resulta sorprendente que este Goberno, que se auto-cualifica como
'progresista' non teña nunca en conta os custos sociais que decisións como esta
poden implicar. Reducir o número de accidentes e de falecementos por violencia
viaria debe ser un obxectivo prioritario” subliña Néstor Rego. As portaxes nas
autovías terían, sen dúbida para a organización nacionalista, o efecto
contrario: “maior custo en vidas humanas e tamén maior custo en gasto sanitario
e social”.
Alén do máis, considera “inaceptábel” que, cando o Goberno estatal aínda
non cumpriu o compromiso de baixar as portaxes da AP-9 para acabar co “roubo
legalizado” a todos os galegos e galegas, “anuncie que pretende implantalas nas
autovías. Primeiro cumpran, desenvolvan alternativas e despois falamos”.
Por outra banda, Rego apunta que “a postura do Partido Popular é hipócrita
e demagóxica”, porque cando gobernaban formularon estas mesmas medidas nas
autovías. “En todo caso, reafirmamos a oposición do BNG a elas porque, polo
menos na Galiza, sen alternativas, non é verde, é simplemente un roubo” conclúe
o deputado da organización nacionalista. Departamento de comunicación