MADRID | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o
Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, mantiveron unha reunión de traballo
nesta terza feira e avanzaron unha iniciativa no Congreso para que o Goberno do
Estado derrogue de maneira inmediatas as reformas laborais dos anos 2010 2011 e
2012. As dúas organizacións alertan das consecuencias negativas para os
traballadores e traballadoras da aplicación da actual normativa neste contexto
de crise e por iso defenden que, en tanto no sexa aprobada unha nova lexislación
que permita avanzar en dereitos, sexa
recuperada a normativa anterior ao ano 2010.
As sucesivas reformas
laborais levadas adiante polos gobernos españois, con posterioridade á
aprobación do Estatuto dos Traballadores de 1980, supuxeron un importante retroceso
nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora ao desregular e “flexibilizar”
as condicións en materias como a contratación, o abaratamento dos despedimentos,
a xornada, o salario ou mesmo o cumprimento ou negociación dos convenios colectivos.
“As últimas reformas laborais promovidas, durante os anos
2010, 2011 e 2012, por gobernos do PSOE e PP afondaron na liña neoliberal de
individualización e desregulación das relacións laborais. O obxectivo destas
reformas foi restar dereitos ao traballadores e traballadoras e derivou en
aumento da pobreza e da precariedade laboral” sinala Néstor Rego.
O deputado do BNG enfatiza a
necesidade de “actuar de maneira inmediata para frear esta situación que
estamos a vivir por decisións unilaterais da Patronal e sen
control ningún por parte das Administracións Públicas”. Nese sentido,
lembro que a organización nacionalista xa presentara hai meses unha proposta
puntual para recuperar a autorización administrativa dos EREs, que non foi
atendida por parte do Ministerio de Traballol.
Rego avanzou que a formación nacionalista trasladará ao
Congreso a proposta da Confederación Intersindical Galega, por medio dunha Proposición
Non de Lei, para a derrogación inmediata de todas as reformas laborais. “Levamos
ano e medio de lexislatura e de promesas permanentes de derrogación das
reformas laborais que nunca chegan a se cumpriren. Por iso, até que non sexa
aprobada unha nova lexislación laboral, será positivo que entren en vigor todos
e cada un dos artigos da normativa existente con anterioridade ao ano 2010”.
O deputado nacionalista lembra que a derrogación da
Reforma Laboral é un compromiso das forzas políticas que conforman o Goberno do
Estado e unha das principais medidas recollidas no Acordo de Investidura
asinado co BNG, polo que recrimina que non fose cumprido nestes dezaoito meses.
“Tivemos paciencia de sobre, é o momento
de que se pase das palabras aos feitos e da propaganda á realidade”, enfatiza.
Paulo Carril
Pola súa parte, o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril,
agradeceu ao BNG a disposición a trasladar ao Congreso esta proposta da central
nacionalista, que considera urxente na medida en que “na actual crise derivada
da pandemia a vixencia e aplicación desta regresiva lexislación constitúe unha
auténtica ameza para o mantemento do emprego e dunha mínimas condicións
salariais e laborais dignas.
A lentitude deste proceso para as mudanzas lexislativas
necesarias para a recuperación de dereitos dos traballadores e traballadoras,
por riba “viciado de orixe pola lacra do chamado diálogo social, non poder significar que o avance da crise
teña lugar coa plena e vigorosa vixencia deste marco normativo que está a
contribuír a un empeoramento da situación” subliña Carril, que acrecenta que é urxente a derrogación das reformas e fundamental
“eliminar calquera elemento que constitúa un intenso marco centralizador da
negociación colectiva”.
“O diálogo social tense convertido no enterrador dos
dereitos laborais e de calquera expectativa de que significase unha
dignificación do posto de traballo. Ese mesmo diálogo social do que tanto se
fala na actualidade está a contribuír a un empeoramento das condicións de
traballo e a reducir o salario da clase traballadora” destaca Paulo Carril. “As
actuacións políticas están sendo moi lentas e, pola contra, a patronal está
sendo moi rápida coa aplicación de ERE e ERTE” reflexiona o Secretario Xeral da
CIG mentres insiste na necesidade de derrogar as Reformas Laborais que
contribuíron ao empobrecemento xeral das maiorías sociais. Departamento de comunicación