OURENSE | Para moitas persoas, nestas datas, chega o momento de decidir o rumbo a tomar cara á súa futura formación académica. A Facultade de Historia de Ourense, da Universidade de Vigo, acaba de dar comezo á campaña de promoción do grao en Xeografía e Historia nas súas dúas modalidades: presencial e semipresencial. Esta última opción encóntrase cada ano máis reforzada grazas ás novas tecnoloxías que a UVigo pon a disposición do profesorado e estudantado e pola experiencia acumulada ao longo dos últimos anos. Ademais, desde o curso pasado, o criterio de dificultades económicas únese ao resto para acollerse a esta modalidade.
Este ano, as personaxes protagonistas da campaña son Marie Curie, Salvador Dalí e mais María Antonieta. As tres figuras convidan a todas as persoas interesadas na Historia, a Arte e a Xeografía a “Facer Historia con nós”. Como novidade, ademais da difusión en medios online e offline, este ano a campaña apostou por apoiarse nun grande medio en auxe na nosa comunidade: o podcasting. A campaña conta con cuñas personalizadas en Ivoox e Spotify, dúas das principais plataformas de streaming de audio, e tamén con formatos en Instagram, como filtros e stickers.
Hai que lembrar o triunfante percorrido deste Grao en canto á súa comunicación promocional. A súa campaña "Fai historia con nós" recibiu o premio ao mellor vídeo de animación do VI Festival Europeo de Publicidade e Humor Smile Festival e o galardón á mellor campaña de márketing dixital nos XXIII Premios de Publicidade en Galego do Consello Asesor da CRTVG e RTVE-G. Toda a información sobre o grao en Xeografía e Historia pode encontrarse na web http://historia.uvigo.es.
A modalidade semipresencial, agora máis accesible
Ademais da modalidade presencial, o grao en Xeografía e Historia ofértase tamén en modalidade semipresencial, para aquelas persoas que teñan máis complicado acudir con asiduidade ás aulas.
Outra vantaxe é a posibilidade de matrícula a tempo parcial, que permite compaxinar o título con outras actividades. Fronte a un curso virtual, a Facultade de Historia ofrece nesta opción a posibilidade de participar naquelas aulas presenciais que se escollan, compartir as saídas de estudos, ter contacto directo co profesorado responsable das materias, escoller á avaliación continua, asistir ás titorías concertadas e acceder aos materiais didácticos a través da plataforma virtual. Departamento de comunicación