SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita a Moaña, -recen premiada pola súas
políticas medioambientais-, para anunciar que o BNG vai levar ao Parlamento a
proposta de ampliación de Rede Natura
2000 até o 20% do territorio, o que permitiría case duplicar o espazo protexido
e preservar habitats de valor ambiental ante o espolio do lobby eléctrico en pleno boom eólico, convertido en barra libre
polo Goberno do PP.
A medida, que o
BNG xa inclúe na súa Estratexia ambiental
integral presentada recentemente, poría fin a doce anos de parálise na
ampliación baixo o paraugas da figura de preservación do territorio e da
biodiversidade máis consolidada de Europa. “Galiza leva
doce anos sen ampliar a Rede Natura 2000, e iso é unha decisión deliberada do
PP porque moitos dos espazos que estaban na ampliación son agora candidatos a
instalar parques eólicos cun impacto moi agresivo. Pero o Goberno de Feixóo en
vez de defender a sustentabilidade do territorio está defendendo os intereses
do lobby eléctrico”, denunciou
Pontón. Por este boicot, hoxe Galiza está “á cola do Estado e da UE en espazos
protexidos”.
A líder
nacionalista explicou que ampliar o territorio protexido permitiría “paralizar
os proxectos que non buscan o equilibrio ambiental senón a rapina das
eléctricas, ante un Executivo de Feixóo que, lamentablemente, en lugar de
defender o interese xeral actúa como un comercial das grandes empresas do sector”,
denunciou.
Pontón indicou
que a Galiza do futuro será verde ou non será, e por iso o BNG defende avanzar
cara un novo modelo económico sustentable, baseado na ciencia e na
investigación, no que os recursos naturais se poñan ao servizo do País, como
demanda a maioría social, en particular a xente nova.
“Se algo nos
están pedindo as novas xeracións e que protexamos o seu futuro e iso pasa por
plantarlle cara á emerxencia climática, aos retos ambientais que xa están aquí
e que a pandemia non fixo máis que agudizar, e iso pasa por defender a
sustentabilidade dun xeito transversal”, explicou. Neste sentido, na súa Estratexia ambiental integral, o Bloque
inclúe trinta
propostas de actuación en ámbitos como a biodiversidade, enerxía, axenda
urbana, mobilidade, ciclo da auga, residuos e bioeconomía.
Pontón fixo unha visita
institucional ao Concello de Moaña cun encontro coa alcaldesa, Leticia Costas e
coa equipa de goberno, ás que felicitou por ter convertido as
políticas de medio ambiente nun dos sinais de identidade do seu goberno, de tal
xeito que Moaña é un concello premiado polas súa aposta verde, sustentable e de
protección do medio natural, tras obter o galardón concedido polo Congreso do Medio Ambiente, de ámbito
estatal; e a distinción de Bandeira Verde
de Galiza.
“Unha vez máis, os concellos gobernados
polo BNG son marca de calidade ambiental e de sustentabilidade, exemplos de xestión
a favor da veciñanza, con políticas capaces de mellorar a calidade de vida das
persoas apostando polo coidado do medio ambiente”, explicou Pontón, indicando
que esa maneira de actuar é a que quere trasladar a todo o País.
“Trasladar a toda Galiza o que o BNG fai
nos concellos. Porque queremos e defendemos unha Galiza verde e para iso temos deseñada
unha Estratexia ambiental integral
con propostas e solucións á emerxencia
climática e ao deterioro do territorio”, concluíu. Departamento de comunicación