MADRID | O Bloque Nacionalista Galego consegue que
a Mesa do Congreso acepte a súa proposta para desbloquear o debate da
tramitación da Lei Orgánica para a transferencia da AP-9 á Galicia e permitir
que o texto poida comezar o trámite na ponencia da Comisión de Transportes,
Mobilidade e Axenda Urbana. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, espera
que a partir de agora non haxa novas dilacións e se poida aprobar a máis tardar
no outono.
A Mesa do Congreso viña prorrogando de maneira semanal o prazo de
presentación de emendas ao articulado desde o día 22 de febreiro. Tres das
catro formacións políticas que forman parte deste organismo tamén teñen
representación galega, polo que o deputado do BNG decidiu convocalos a unha
reunión co obxectivo de facer presión e facilitar o avance do debate. Así
mesmo, Rego rexistrou o pasado luns un escrito no Congreso solicitando á Mesa que non continuase
prorrogando o prazo de emendas, de maneira que se poida producir o debate de
forma inmediata.
Néstor Rego denunciaba que a dilación que se viña producindo coa prórroga
do prazo durante 12 semanas consecutivas era inxustificada. “Non hai ningunha
razón obxectiva para continuar demorando o debate e aprobación definitiva da
lei de Transferencia, máxime cando o BNG solicitou no pasado 5 de febreiro a
tramitación pola vía de urxencia e foi acordada pola mesa no día 9 dese mes”,
sinala Rego.
En todo o caso, na reunión da Mesa realizada neste martes (15) este órgano
resolveu no sentido da solicitude formulada polo BNG, de forma que o prazo de
emendas conclúe hoxe mesmo e a Proposición de Lei Orgánica pode continuar a súa
tramitación. O deputado da formación
nacionalista mostrou a súa satisfacción por esta decisión e avanzou que o BNG
non presentará emendas para non demorar máis a aprobación definitiva.
“Hai que lembrar que esta proposición de Lei é resultado dun acordo unánime
no Parlamento da Galiza a partir dunha proposta inicial nacionalista. En aras
desa unanimidade o BNG renunciou a algúns aspectos que achábamos importantes.
Con todo, para facilitar a aprobación canto antes e por respecto ao consenso
que a fixo posíbel, non presentamos emendas no Congreso”, salientou Rego.
O deputado nacionalista espera que a tramitación poida concluírse como moi
tarde no outono. “Que a autoestrada do Atlántico sexa galega debe ser o
primeiro paso para conseguir unha autoestrada libre de peaxes para acabar coa
estafa legalizada que sufrimos todos os galegos e galegas” destaca Rego. “Hoxe
finaliza o prazo de emendas e fainos pensar que nos meses de outono podería
estar concluída a tramitación da lei de transferencia da AP-9. Dáse un paso
máis nun camiño que nos leve a un obxectivo claro para o BNG: que a autopista
do Atlántico pase a ser unha autoestrada galega e libre de peaxes” afirma o
deputado nacionalista.
Responsabilidade cos acordos
asinados
O deputado nacionalista aproveitou para reclamar ao Ministerio de
Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pór en marcha “canto antes” os
descontos “estabelecidos no Acordo de Investidura” asinado co BNG, que lembra
que recolle “a bonificación de 100% para usuarios recorrentes, non imputar na
tarifa a suba das portaxes de 1% anual acumulativo durante 20 anos prevista nos
convenios de 2011 e 2013 e liberar de portaxe o tramo Vigo-Redondela”.
“Entendemos que tampouco hai ningunha xustificación para que unhas medidas
que tiñan que ter entrado en vigor o día 1 de xaneiro aínda non o estean neste
momento. O último anuncio do Ministerio é que comezarán no mes de xullo e
agardamos que así sexa” recrimina Néstor Rego. “Agardamos tamén que os
descontos se fagan tal e como se recollen no acordo asinado entre BNG e PSOE
para a investidura porque este é un compromiso con todos os galegos e galegas” enfatiza
o deputado.
A organización frentista cre que este é un paso necesario no camiño de
acabar coa “estafa legalizada” que supón para o noso país unhas portaxes tan
elevadas e unha concesión de longa duración que finaliza aínda no ano 2048.
“Hai que seguir traballando para acabar co atranco que supón para todos os
galegos e galegas esas peaxes tan abusivas. Esperamos que as forzas políticas
non dilaten máis esta tramitación e que poidamos ver cumprido ese obxectivo o
antes posíbel” conclúe Néstor Rego. Departamento de comunicación