SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, pide que o presidente da Xunta aclare se vai poñer
atrancos á aplicación en Galicia da Lei 3/2021
de Regulación da eutanasia que recolle o dereito das persoas a unha morte
digna, aclaración que considera necesaria despois de que o PP decidira recorrer
un texto lexislativo que hoxe entra en vigor e que regula a eutanasia activa, é
dicir, a que precisa da intervención dunha terceira persoa.
“Hoxe entra en vigor esta lei que nos trae á memoria a persoas como Ramón
Sampedro, un galego que loitou polo dereito a unha morte digna”, indicou a
líder do BNG, “pero preocúpanos ver de novo a un PP que se opón ao avance de
dereitos e liberdades, un PP de Feixóo que se opuxo á Lei do divorcio, á Lei
do aborto, á Lei do matrimonio homosexual e agora tamén ao dereito a unha morte
digna. Parece que o PP non asume os avances en dereitos e liberdades”.
“Onte
dicía Feixóo que a lei non lle gusta, e tanto que non lle gusta que o PP decide
recorrela, e por iso pregúntolle ao presidente da Xunta que aclare se vai frear
o desenvolvemento desta lei en Galiza, se vai frear o dereito a unha morte
digna ou se vai sentar as bases para que esta lei se desenvolva con normalidade
no noso País”.
Estamos ante unha lei, salientou Pontón,
que recoñece o dereito da persoas a unha morte digna “e é inhumano que unha vez
máis o PP se queira opoñer a un avance”. Hai máis de vinte anos, Ramón Sampedro
abría unha batalla “pola dignidade á que temos dereito até o último suspiro das
nosas vidas e sería lamentable que Feixóo se poña do lado dos que queren
restrinxir dereitos e liberdades”, concluíu en declaracións aos medios desde
Vigo, onde mantivo un encontro con delegados sindicais e responsables de
comités de empresas dos sector industrial desta cidade e comarca.
A Lei 3/2021 entra en vigor hoxe e o
texto delega nos Gobernos autonómicos a creación da comisión de garantías e
avaliación, un órgano colectivo que debe valorar as discrepancias ante calquera
petición de aplicación da lei. A día de hoxe, o Executivo galego ten remitido
ao Consello Consultivo o proxecto de decreto para a creación deste órgano, para
a súa preceptiva valoración e emisión de ditame.