MADRID | O Bloque Nacionalista Galego considera
que o acordo anunciado sobre a reforma das pensións é regresivo e implica, na
práctica, consolidar os recortes executados con anterioridade e aplicar medidas
claramente regresivas como a penalización das xubilacións anticipadas ou
destinar diñeiro público para retrasar a idade real de xubilación. O deputado
nacionalista subliña que o Goberno incumpre o compromiso de subir as pensións
mínimas e lembra que a Galiza ten as segundas pensión máis baixas do Estado.
O BNG, por medio do deputado no
Congreso, Néstor Rego, rexeitou os anuncios sobre a reforma das pensións por
considerar que, de facto, se trata de mudanzas regresivas, que se afastan do
camiño de recuperar dereitos e mellorar a calidade de vida e benestar das
clases populares.
Rego considera negativo que o
Goberno manteña -e mesmo incremente nos primeiros meses- a penalización das
xubilacións anticipadas e lembra que os movementos de pensionistas veñen
reclamando a posibilidade de xubilación con 40 anos cotizados, que o BNG apoia,
mesmo no camiño de que esa exixencia se reduza aos 35 anos. Esta medida, xunto
coa 'incentivación' da permanencia no mundo laboral para alén da idade legal de
xubilación, van na liña oposta á mellora da calidade de vida de traballadores e
traballadoras e a mellorar as oportunidades laborais da xente nova.
“Cando temos 40% de desemprego
xuvenil e a nosa mocidade ten de emigrar masivamente por non encontrar aquí
oportunidades laborais, pretender -destinando para iso diñeiro público- que os
traballadores e traballadoras demoren a xubilación máis alá dos 67 e mesmo dos
70 anos é máis que unha liña errada, é simplemente un despropósito”, subliña
Rego, que defende que ese diñeiro debería ser destinado a pensións dihnas e a
facilitar a entrada de mozas e mozos no mundo laboral.
O deputado nacionalista reclama
que, para alén de garantir a revalorización co IPC, sexan subidas as pensións
mínimas e lembra que este era un compromiso do Goberno de coalición que, ao que
parece, ficou polo camiño. “Subir as pensións mínimas até equiparalas co SMI e
elevar ambos progresivamente até 60% de salario medio, é unha exixencia irrenunciábel.
Cabe lembrar que a Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado
español, polo que esta medida reduciría á vez a fenda de xénero e tamén a da
Galiza co Estado.
Néstor Rego subliña que no noso
País practicamente 50% das pensións están por baixo dos 700 euros e que a
pensión media se situaba en 2019 en 970 euros, 183 euros menos da media do
Estado e 380 euros inferior á de Madrid. Aliás, Ourense é a provincia coa
pensión media máis baixa do Estado español, con 807 euros; é dicir, 543 euros menos
que Madrid e 643 euros menos que a media provincial máis alta, a de Biscaia.
O deputado do BNG considera
decepcionante a política de pensión do Goberno de coalición español. “Na
práctica, non só non derrogan a reforma das pensións, senón que consolidan os
recortes brutais aplicados desde 2011. Manteñen a idade legal de xubilación en
67 e mesmo queren aumentar a idade real. Derrogan o 'factor de
sustentabilidade' que implantara o PP, mais pretende que se introduza un novo
factor de 'equidade interxeracional', que poderá ter os mesmo efectos
negativos”, sinala Rego.
Por outra parte, o BNG considera
que persisten políticas de privatización das pensións, como o apoio aos Plans
de empresa ou mesmo a ameaza de aumentar de novo o período de cómputo até os 35
anos, o que suporía un novo recorte das contías das pensión por riba de 6%. Por
iso, a forza nacionalista reclama ao Goberno que cumpra o prometido, que
derrogue de verdade a reforma das pensións e que suba as pensións mínimas co
Salario Mínimo Interprofesional. Departamento de comunicación