SANTIAGO DE COMPOSTELA | A portavoz
nacional, Ana Pontón, realizou unha visita á Real Academia Galega (RAG) onde
mantivo un encontro co presidente, Victor Freixanes, e membros da comisión
executiva, que aproveitou para compartir análise sobre a situación do galego
tras anos de aplicación do decreto da vergoña.
A líder
nacionalista está convencida de que o galego ten futuro revertendo as políticas
“lingüicidas”
do Goberno de Feixóo e logrando que avance entre a xente moza, a quen fixo unha
apelación directa: “Quérolle dicir a mocidade que o galego é útil para todo,
para relacionarse, para xogar, para comunicarse, para ligar, para trapear, para o reguetón”, recalcou,
consciente do papel que xoga a música entre a mocidade, “o galego válenos para
todo e está na man dos mozos e mozas dar o paso”.
Pontón tamén
puxo en valor o papel das persoas neofalantes, “que son motivo de esperanza”,
-dixo-, nun momento en que as políticas contra o galego do PP “levan ao idioma a
unha situación crítica pero á que se lle pode dar a volta sempre que haxa
vontade en apostar pola normalización da nosa lingua en todos os ámbitos”.
No encontro abordouse
a repercusión que está a ter no ensino a aplicación do chamado decreto da
vergoña. Neste sentido, un estudo realizado pola propia RAG arroxa datos
alarmantes como que o 40% do alumnado castelanfalante remata a ESO cunha escasa competencia en galego, sobre todo
á hora de falalo. “Un PP ao que se lle enche a boca falando de liberdade, no caso da lingua
o que provocan as súas políticas é privar a miles de mozos e mozas da liberdade
de poder escoller o idioma que queren utilizar posto que dificilmente se vai
optar por unha lingua que non se domina”, alegou Pontón.
Na práctica, denunciou, “iso significa frear o uso do galego e significa
incumprir o Estatuto e a Lei de
normalización lingüística que di con claridade que é obriga do sistema
educativo conseguir que os nenos e as nenas acaben a súa escolarización
obrigatoria co mesmo dominio das dúas linguas pero, a día de hoxe, iso non se
cumpre no 40% do alumnado que ven dun entorno castelanfalante”, explicou
Pontón.
A líder nacionalista urxe a cambiar esta situación derivada da aplicación
do decreto da vergoña no ensino e por iso o BNG propón a posta en marcha dunha
mesa, integrada por todos os sectores e axentes sociais, para articular unha
nova política lingüística no ensino capaz de frear a desgaleguización dos
últimos anos e, por contra, favoreza o avance do idioma do País.
“O galego ten que se lingua vehicular no ensino”, recalcou Pontón, sen
esquecer a importancia de ter referentes en galego, en particular para as novas
xeracións, “referentes no social, no ámbito deportivo ou nos medios públicos de
comunicación que deben apostar por unha canle en galego para o público infantil
e xuvenil con contidos específicos”.
Pontón agradeceu á dirección da RAG a posta en común e a análise sobre a
situación do galego, así como o intercambio de valorizacións sobre os retos de
futuro para a lingua co compromiso de que o BNG “seguirá facendo todo o posible
para que o noso idioma avance, en particular entre a xente moza”, concluíu,
tras unha xuntanza na que tamén participou a portavoz parlamentaria de Lingua e
Cultura, Mercedes Queixas, o portavoz municipal na Coruña, Francisco Jorquera,
e a concelleira Avia Veira. Departamento de comunicación