SANTIAGO DE COMPOSTELA | O deputado do BNG no
Congreso, Néstor Rego, criticou esta mañá o acordo sobre as pensións, na medida
en que consolida as medidas máis antisociais da reforma do Partido Popular
-como a xubilación aos 67 anos- e engade outras novas. Particularmente, Rego
rexeitou o anuncio do Ministro José Luís Escrivá de recortar as contías á
xeración do 'baby boom' e reclamou subir as pensións mínimas até equiparalas co
Salario Mínimo Interprofesional para superar as fendas de xénero e as
territoriais.
Néstor Rego salienta que as
mudanzas introducidas no acordo de pensións asinado onte “non é a derrogación
das reformas das pensións do Partido Popular, xa que mantén e consolida os
elementos máis regresivos das mudanzas anteriores, en concreto, a extensión da
idade de xubilación aos 67 anos”.
Así mesmo, este cambio na
política adopta outros recortes no sistema público de pensións. “A penalización
aínda maior nos primeiros meses na xubilación anticipada e incentivar a
permanencia no mundo laboral para alén da ideade legal de xubilación -mesmo
máis alá dos 70 anos- parécenos profundamente erróneo porque, ademais de
inxusto coas persoas que traballaron 40 ou 45 anos da súa vida, vai na liña
contraria ao que se precisa neste momento. Cun índice de desemprego xuvenil de
40%, estas medidas o único que van provocar é que os mozos e mozas teñan aínda
máis dificultades para se incorporaren ao mercado laboral” enfatizou Rego.
O deputado nacionalista
lembrou que na última década tiveron que marchar da Galiza máis de 300.000
persoas por non encontraren traballo no noso País, a maior parte “mozos e mozas
den formadas”.
Por outra banda, o deputado
lembrou que o Goberno está incumprindo o compromiso, tamén estabelecido no seu
programa de coalición de Goberno, de subir as pensións mínimas. “Esta é unha
reclamación histórica do Bloque Nacionalista Galego e seguimos mantendo esta
posición porque é totalmente necesaria” subliña o deputado nacionalista. “Subir
as pensións mínimas até igualalas co Salario Mínimo Interprofesional e
incrementar ambos até colocalos en 60% do Salario Medio, que é o que estabelece
a Carta Social Europea e que o Goberno do Estado está a incumprir”. Rego
salientou que esta medida defendida polo BNG reduciría tanto a fenda de xénero
como a fenda territorial, posto que, por exemplo, Ourense ten a pensión media
máis baixa do Estado, máis de 600 euros inferior á media provincial máis alta.
Alén do máis, o deputado do
BNG rexeitou rotundamente o anuncio realizado polo Ministro escrivá nesta
quinta feira de novos recortes coa aparición do chamado “mecanismo de equidade
interxeracional” que terá “un efecto similar ao factor de sustentabilidade
suprimido polo Goberno hai uns días”. Este novo mecanismo, afectará toda a
xeración do “baby boom”, as pesoas nacidas entre mediados dos anos 50 e a
década de 70, “unha xeración que durante 45 anos estivo sostendo o sistema de
pensións. É absolutamente inxusto e inadmisíbel” concluíu Rego.
A posterior rectificación
parcial do Ministro non é ningunha garantía de que non se vaia aplicar, como
tamén persiste a ameaza de ampliar o período de cómputo de 25 para 35 anos,
media que o BNG rexeita por implicar un recorte real nas contías de entre 5 e
10%. Departamento de comunicación